Investigadores de Cabo Verde acollidos no GIHM-USC participan en actividades científicas en Burela

Os profesores Lourenço Gomes e Elter Carlos, da Universidade de Cabo Verde, están a realizar unha estadía de investigación en Galicia no marco do proxecto europeo RESISTANCE. Rebelión e resistencia nos imperios ibéricos (séculos XVI-XIX), co equipo da Universidade de Santiago de Compostela, liderado por Ofelia Rey Castelao, investigadora que recentemente foi galardoada co Premio Nacional de Historia de España (2022). Os mencionados investigadores se desprazarán a Burela para coñecer de preto á súa xente e a unha comunidade que estableceu estreitos lazos con Cabo Verde. Neste senso, os investigadores realizarán distintas actividades científicas na localidade os días 10 e 11 de novembro, no IES Monte Castelo e o IES Perdouro, relacionadas cos seus campos de estudo, historia, historia da arte e filosofía.
O proxecto RESISTANCE, financiado pola Comisión Europea –Marie Skłodowska-Curie Actions–, é un proxecto de investigación colaborativo que está conformado por 102 investigadores e 13 institucións de investigación superiores, entre as que se atopan a Universidade de Évora, a Universidade Nova de Lisboa, o Instituto de Ciencias Sociais (ICS-ULisboa), o Instituto Universitario de Lisboa (ISCTE-IUL), a Universidade de Cantabria, a Universidade de Santiago de Compostela, o Max Planck Institute (Alemaña), a Brown University (EEUU), a Universidade de Cabo Verde, a Universidade Federal da Bahía (Brasil), a Pontificia Universidade Católica de Santiago de Chile (Chile), a Universidade Nacional da Prata (Arxentina) e o Colexio de Michoacán (México).
O RESISTANCE ten como obxectivo estudar os procesos de resistencia das clases sociais discriminadas e segregadas, dende unha perspectiva ampla –dende abaixo–, nas monarquías ibéricas (1500-1850). O equipo de Santiago, con Ofelia Rey Castelao como Team Leader, acompañada de Ana Sixto como work package leader e doutros seis investigadores máis, analizan, por unha banda, os conflitos violentos no espazo público, como revoltas, motíns e rebelións, pero, por outra, tamén estudan as resistencias cotiás aos marcos do poder –político, xurídico, relixioso e cultural–, máis aló das accións violentas ou subversivas. Unha das grandes achegas do proxecto é que compara as diferentes formas das resistencias –activas e pasivas– nos distintos territorios dos imperios hispánicos en época colonial, tanto nas metrópoles como nos seus dominios. Nesta liña, os investigadores da Universidade de Cabo Verde, xunto aos equipos americanos, estudan as manifestacións de resistencia aos modelos culturais impostos polos poderes ibéricos ás poboacións que permaneceron baixo o seu dominio no período colonial.
Dentro dos desafíos do proxecto, o máis importante está enfocado na difusión e na transmisión de coñecemento a diferentes públicos, escolares en especial, pois é importante chamar a atención dos máis novos sobre o papel que xogaron os grupos “silenciados” nos cambios sociais. Con todo, búscase unha difusión ampla, de modo que a historia xeral, e non soamente a das elites, a de grandes personaxes e de feitos remarcables, chegue ao común da sociedade.