Publicación do libro “Gobernar reformando. Los primeros borbones en la España del siglo XVIII”, editado por María López Díaz e María del Carmen Saavedra

Anúnciase a publicación do libro Gobernar reformando. Los primeros borbones en la España del siglo XVIII, editado por María López Díaz (Uvigo) e María del Carmen Saavedra (USC). O libro, que edita a editorial Comares Historia e que sae á venda en 2023, reúne as achegas de autores de diferentes disciplinas -historia política, historia do dereito e das institucións e historia militar- sobre o reformismo político dos primeiros Borbóns españois, abordándoo desde enfoques e metodoloxías novidosas e diversas. Froito deste esforzo común, o traballo achega numerosos argumentos para cuestionar os supostos que tradicionalmente rodearon o tema. En cambio, ofrece unha visión máis matizada do mesmo, que xa non interpreta o reformismo como unha contradición entre tradición e modernidade. En consonancia con este enfoque, ao longo das súas páxinas percíbese a sinuosa evolución das medidas de reforma, destaca o labor dos axentes e personalidades de segunda liña que debían encargarse da súa execución, e dáselle especial importancia aos factores territoriais, que posibilitaron resultados espacialmente diferenciados. En definitiva, un traballo que cuestiona a idea dun reformismo único para defender a existencia de múltiples reformismos que deseñan unha realidade rica e complexa, aberta a novas interpretacións e posibilidades de investigación.
Ligazón á editorial: https://www.comares.com/libro/gobernar-reformando_147728/
Índice do libro e presentación: https://www.comares.com/media/comares/files/toc-147728.pdf