A ilexitimidade na Galicia rural, 1570-1900

Isidro Dubert, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela
A imaxe que os historiadores e antropólogos ofreceron da ilexitimidade en Galicia é que foi un fenómeno protagonizado por mulleres solteiras –maioritariamente de orixe rural– que, chegadas a unha idade madura e sen moitas posibilidades de casar, decidiran ter un fillo coa idea de que este as atendese na súa inminente vellez.
Porén, a mediados do século XVIII, cando a ilexitimidade afectaba ao 4,5% do total das criaturas bautizadas, a penas un 1,1% dos fogares galegos estaba encabezado por unha muller solteira con un ou máis fillos. Cen anos máis tarde, na década de 1860, nuns intres nos que esa ilexitimidade afectaba ao 14-15% do total dos nenos bautizados, os fogares destas mulleres só eran o 3,3% do total.
Estas cifras indícannos que a figura da muller solteira que vivía soa e “de sobre si” con un ou máis fillos non foi algo habitual nin frecuente na Galicia do Antigo Réxime, así como, tamén, o importante papel que tivo a familia á hora de acollelas e darlles acubillo nestas circunstancias. Neste senso, sabemos que nesa mesma década de 1860 dúas de cada tres nais solteiras vivían coas súas familias e achegados; unha proporción que, loxicamente, varía en función da área xeográfica na que nos movamos, xa que todo apunta que este tipo de convivencia era máis frecuente nas comarcas rurais do interior galego que nas que miran para a costa.
A mediados do século XIX, as mozas solteiras que vivían soas e coa súa descendencia adoitaban gañar o seu sustento traballando como xornaleiras, tecedoras, fiadoras, costureiras …, cando non, pedindo esmola de porta a porta ou de feira en feira. Pola súa banda, as que convivían coas súas familias ou nas dun achegado, facíano en fogares pertencentes ás capas medias e baixas do campesiñado, e só en algo menos dun terzo dos casos aos sectores máis humildes dese campesiñado (xornaleiros agrícolas, artesáns ou pobres). Mais a marxe de onde vivisen, todas posuían en común o feito de ter os seus fillos entre os 26 e os 29 anos. É dicir, o feito de ser nais de un a tres anos máis tarde da que en Galicia era a idade media das mulleres ao matrimonio —26 anos—, polo que detrás do nacemento dos seus pícaros estaría na maioría das ocasións, ao igual que noutras partes de Europa, o incumprimento da promesa nupcial que no seu día lle fixeran os seus galáns.
Táboa. Evolución da ilexitimidade en Europa, 1570-1900
(% ao total de bautizados)
Paises
Datas europeos Galicia
Inglaterra 1581-1865 3.8 6.5
Escocia 1660-1780 5.0 4.5
Irlanda 1751-1865 2.5 8.0
Anjou 1700-1789 1.0 4.8
Francia 1750-1799 1.9 5.2
Suecia 1610-1750 3.3 4.4
Fonte: Elaboración propia. Para Galicia, Inglaterra, Escocia, Irlanda, Francia e Suecia, traballos citados na páxina 89 do traballo de Isidro Dubert, “Trends and internal dynamics of illegitimacy in north-west Spain: Rural Galicia, 1570-1899”, Continuity and Change, 33, 1, 2018.
Gráfico. Evolución da ilexitimidade en Galicia, 1570-1900
Fontes: Elaboración propia. Para Galicia, Inglaterra, Francia e Suecia, traballos citados na nota 2 do mencionado traballo de Isidro Dubert (2018).
Malia ser un número reducido de mulleres, as criaturas que trouxeron ao mundo entre 1570 e 1900 fixeron que a ilexitimidade da Galicia rural fose unha das máis altas de Europa, salvo, se exceptuamos o ocorrido no norte de Portugal, onde o fenómeno permaneceu por riba do 10% do total dos bautizados até o principio do século XIX. Polo demais, a ilexitimidade galega evolucionou a media e longa duración dun xeito moi similar a como o fixo nos demais países europeos, e iso malia as evidentes diferenzas demográficas, económicas, sociais ou familiares que había entre eles.
O seu despegue en Galicia produciuse entre 1770 e 1780. Detrás do mesmo, así como da auxe que experimentou o fenómeno nos seguintes 70-80 anos, está a crecente relevancia que nel acadaron as chamadas “nais repetidoras”, é dicir, aquelas mulleres solteiras que tiñan dous ou máis fillos. Isto significa que na Galicia rural a ilexitimidade medrou non porque cada vez máis mulleres solteiras tivesen un só fillo, senón porque a partir dun certo intre unhas poucas desas mulleres empezaron a ter dous ou máis. Para entendelo, abonda con pensar que só un 25%-31% do total das nais solteiras puxo no mundo ao 44-55% de todos os ilexítimos bautizados en Galicia durante o século XIX.
Esta relevancia das “nais repetidoras” rexistrouse noutras partes de Europa na mesma época, caso do norte de Portugal, a Inglaterra industrial ou a Escocia rural, mais as causas que a explican en cada país son diferentes. En Galicia debeuse, por unha banda, á forma na que os cambios que o Estado borbónico introduciu en 1776 e 1788 na lexislación matrimonial afectaron as tradicións nupciais imperantes entre os sectores máis humildes do campesiñado. E pola outra, e nesta tesitura, ás posibilidades que as mulleres deses sectores tiveron a partir de entón para poder casarse nun momento no que na Galicia rural se producían importantes cambios económicos, familiares e sociais ligados á introdución de novos cultivos, á aparición da industria do liño ou ao inicio da emigración a América.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
Dubert, Isidro, “Trends and internal dynamics of illegitimacy in northwest Spain: rural Galicia, 1570-1899”, Continuity and Change, 33, 1, 2018, pp. 87-116. <https://www.cambridge.org/core/journals/continuity-and-change/article/trends-and-internal-dynamics-of-illegitimacy-in-northwest-spain-rural-galicia-15701899/A72D7717E19AC6768FB14DBBAFCB9AD2>.
Dubert, Isidro, “Ilegitimidad, matrimonio y mercados de trabajo femeninos en la Galicia interior, 1570-1899”, Obradoiro de Historia Moderna, 24, 2015, pp. 49-86. <https://revistas.usc.gal/index.php/ohm/article/view/2827/3072>.
Dubert, Isidro, “Eglise, Monarchie, mariage et control social dans la Galice rurale, XVIIIe-XIXe siècles”, Annales de Démographie Historique, 2, 2009, pp. 101-121. <https://www.cairn.info/article.php?ID_ARTICLE=ADH_118_0101>.
González López, Tamara, “Marcados dende o berce: ilexítimos nas parroquias ribeirás do Miño medio”, Alicerces: revista de estudos sobre o Miño medio, 2, 2016, pp. 77-93.
Laslett, P., Family life and illicit love in earlier generations, Cambridge, Cambridge U.P., 1977.
Laslett, P. et alii (eds.), Bastardy and its Comparative History, London, Edward Arnold LTD, 1980.
Sobrado Correa, Hortensio et al., “La familia y las edades de la vida”, en I, Dubert (coord.), Historia de la Galícia Moderna, Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, 2012, pp. 95-151.
Saavedra, Pegerto, La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen, Barcelona, Crítica, 1994.