Ir ao contido principal

A introdución e difusión do cultivo da pataca en Galicia, séculos XVI-XIX

 

Hortensio Sobrado Correa, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela

 

A primeira referencia coñecida ao cultivo da pataca en Galicia é proporcionada polo Cardeal Jerónimo del Hoyo nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago (1607), ao relatar que anos atrás o Arcebispo Francisco Blanco (1574-1581) fixera plantar o tubérculo americano nas hortas do mosteiro de Herbón (Padrón). A falta de testemuños durante o XVII fai pensar que durante dito período a súa explotación non pasou de meros ensaios puntuais. 

Fontes xudiciais e fiscais permiten confirmar que o cultivo da pataca xa se practicaba na primeira metade do XVIII nalgunhas zonas das montañas setentrionais da antiga provincia de Mondoñedo (Santiago de Bravos, 1736), así como en terras meridionais de Ourense (Río Freixo, 1740), pero tratábase de pequenos plantíos. A mediados do setecentos constátase algún inventario de bens campesiño con «castañas que chaman da India» (posiblemente da variedade Solanum tuberousum) na comarca ourensán de A Limia. O Catastro de Ensenada (1752) tamén rexistra o cultivo de patacas nas parroquias ourensáns de Coedo (Allariz), Orille, Pitelos e Portela (Verea).
 
Fontes documentais como relacións de froitos civís (1788-1791), relacións de froitos decimais percibidos polos párrocos nos seus curatos, inventarios post-mortem, ou preitos por demanda decimal, confirman que é a partir do último terzo do XVIII cando as patacas progresan nos campos galegos, principalmente nas terras altas centeeiras das antigas provincias de Mondoñedo e Lugo, alí onde non teñen que desprazar ao millo, e en onde chegan a acadar o 40-60 % do total colleito, converténdose en produto principal (ver gráfico 1). Pola contra, na Galicia occidental a súa implantación resulta moito menos intensa. 

Aínda que a pataca se coñecía con moita anterioridade e xa se expandira en algunhas zonas altas de Galicia, con todo serán as dificultades que preman aos campesiños tras o súbito descenso da produción cerealeira motivado pola grave crise agraria de 1769-1770, e a conseguinte fame, as que actúan como acicate definitivo, apremándoos a cultivar o tubérculo.

É a partir do último terzo do XVIII cando as demandas dos perceptores de décimos esixindo que os campesiños contribúan polas patacas comezan a proliferar. En 1760-1819 as querelas concéntranse na Galicia oriental, nas montañas setentrionais, terras de Lugo e nalgunhas áreas interiores e meridionais de Ourense, zoas nas que as patacas xa no constituían unha produción marxinal, acadando certa difusión. Na Galicia occidental ata 1820 os litixios por demanda decimal as patacas non afloran (mapa 1).
 
Mapa 1. Distribución xeográfica dos preitos por demanda decimal das patacas ante a Real Audiencia de Galicia (1760-1840)
                                           
                                                           Fonte: Elaboración propia. ARG, Real Audiencia.
 
Ao longo da primeira metade do XIX as patacas continúan a súa difusión polo territorio galego, aínda que a distribución do seu cultivo esconda grandes diversidades xeográficas. O Dicionario Xeográfico-Estadístico de Miñano constata como en 1826-1829 nas zonas máis setentrionais e orientais de Galicia o 80-100 % das parroquias cultivaban patacas. Nas áreas occidentais ourensáns e meridionais do val do Miño, nas que había dificultades para implantarse, ao ser zonas de millo e viñedo,  observase unha importante demora na expansión do tubérculo americano, que solo aparece no 20-40 % das parroquias. Por último, no  litoral sudoccidental os obstáculos para desprazar ao millo das rotacións fan que en menos do 20 % das parroquias os campesiños cultiven patacas (mapa 2). A mediados do XIX o Dicionario de Madoz reflexa como na metade oriental, na Galicia do centeo, o tubérculo americano aparece plenamente xeneralizado, pois no terzo setentrional de Lugo, na parte central das montañas orientais, e a Alta Limia ourensán, o 100% das parroquias recollían patacas. Por contra, na metade occidental, nas terras do millo, a súa difusión é moito menor,  especialmente no sudoeste litoral, en onde menos do 50 %, e incluso do 25 % de parroquias cultivaban patacas (mapa 2). 
 
Mapa 2. Difusión da pataca en Galicia segundo os Dicionarios de Miñano (1826-1829) e Madoz (1845-1850). Porcentaxe de parroquias nas que se cultivan patacas
                                             
                                             Fonte: Elaboración propia con datos de Miñano, 1826 e Madoz, 1845
 
A difusión das patacas tivo destacadas consecuencias para as economías campesiñas e a paisaxe agraria galega, pois unha vez sorteadas as trabas iniciais, o tubérculo americano permitiu superar a monotonía do tradicional sistema agrario, enriquecendo as rotacións, e contribuíndo á reordenación das explotacións agrícolas da Galicia interior, posibilitando certa intensificación agropecuaria. Todo elo, permitiu afrontar as carestías de grans, con maior seguridade, amortecendo as fames e favorecendo, dobremente a nutrición dos campesiños: tanto por vía indirecta (a través da mellora da ceba de gando, e menor gasto de gran e castañas), como de forma directa, diversificando a dieta por medio do crecente consumo humano do tubérculo. 
 
A intensificación agropecuaria que propiciou a súa introdución, seguramente, contribuíu a mellorar as condicións de vida do campesiñado, converténdose en un dos principais factores responsables do vigoroso crecemento demográfico experimentado no último cuarto do XVIII e primeiras décadas do XIX na Galicia oriental, na que a pataca se xeneralizara, como ocorre no interior mindoniense, a meseta e montaña lucense, ou a Alta Limia ourensá, onde se confirma un crecemento intenso dos bautizados entre 1770-1850, da orde do 60-70 % (ver gráfico 2).

Si ben en moitas zoas de Galicia  a xeneralización do cultivo da pataca non terá lugar ata ben entrado o século XIX, a implantación a finais do Antigo Réxime nos campos galegos deste tubérculo de orixe americana de grande produtividade, contribuíu a mellorar a situación de moitos campesiños, sobre todo das terras altas e centeeiras menos favorecidas da Galicia interior.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
 
Eiras Roel, Antonio (1998), “Los productos alimentarios de Ultramar en la agricultura de los países mediterráneos”, Obradoiro de Historia Moderna, 7, pp. 27-88.
 
Meijide Pardo, Antonio (1984), Testimonios Históricos sobre la antigüedad del cultivo de la patata en Galicia, Sada, Gráficas do Castro. 
 
Presedo Garazo, Antonio (2009), “A contribución das plantas agrícolas de orixe americana á economía galega nos séculos XVII-XIX: o millo e a pataca”, en Anderson, JoDee, et al. (eds.), América, Américas. Perspectivas sobre el Nuevo Mundo y su relación con Europa, Lugo, AXAC, pp. 127-146.
 
Rodríguez Galdo, María Xosé (1991), “Introducción y difusión del cultivo de la patata en España (XVI-XVIII)”, en López Linage, Javier (ed.), De papa a patata. La difusión española del tubérculo andino,  Madrid, Lunwerg editores, pp. 81-103.
 
Saavedra, Pegerto (1985), Economía, Política y Sociedad en Galicia. La Provincia de Mondoñedo, 1480-1830, Madrid, Xunta Galicia.
 
Saavedra, Pegerto (2015), “El paisaje desde 1500 a 1850: la creación por los campesinos de un “viejo complejo agrario”, en Pereira Menaut, Gerardo y Portela Silva, Ermelindo (coords.), El territorio en la historia de Galicia: organización y control, siglos I-XXI, Santiago, USC, pp.153-250.
 
Rodríguez Galdo, María Xosé y Dopico, Fausto (1980), “Novos cultivos e agricultura tradicional: a pataca en Galicia nos séculos XVIII e XIX”, Revista galega de Estudios Agrarios, 3, pp. 11-37.
 
Sobrado Correa, Hortensio (2018), “Algunas precisiones en torno al alcance de las consecuencias económicas, sociales y demográficas del cultivo de la patata en la Galicia de finales del Antiguo Régimen”, Obradoiro de Historia Moderna, 27, pp. 139-176. http://dx.doi.org/10.15304/ohm.27.5516