Ir ao contido principal

A matricula de mar: un imposto de sangue sobre os pescadores galegos do século XVIII

Xosé Manuel Vázquez Lijó. Universidade da Coruña

A matrícula de mar, unha de tantas mostras do reformismo borbónico, tivo importantes consecuencias, non só militares, senón tamén socioeconómicas, xa que implicou o rexistro, o control e a regulación dos servizos á Coroa do colectivo máis numeroso das tripulacións dos navíos do rei. Esta frota foi construída e mantida por outra clase de matriculados, os carpinteiros de ribeira e os calafates, o groso da chamada mestranza dos arsenais.

Con base nun modelo institucional francés (o systeme des classes), logo dun precedente errado na década de 1620 por graves problemas de xestión administrativa, un século despois sentaron os cimentos do novo réxime de inscrición, cuxo principal obxectivo foi controlar a todos os profesionais do mar aptos para campañas navais, o que endexamais se acadou plenamente. Nunha instrución do 26 de agosto de 1726 dispúxose o rexistro de embarcacións, da devandita mestranza e, sobre todo, de mariñeiría para dotación da frota adscrita aos tres departamentos navais recentemente creados.

Os malos resultados destas primeiras matrículas xustificaron unha serie de exencións e grazas postas en vigor en 1737 para fomentar o alistamiento e reducir o máis posible as tradicionais vías de subministración de tripulacións: as levas forzosas e o voluntariado. Tras a Guerra do Asento (1739-1748), toda unha pedra de toque da eficacia militar do novo sistema e que no departamento de Ferrol gravou desproporcionalmente á mariñeiría galega debido á exención das provincias vascas en materia de matriculación, esta foi definitivamente consolidada mediante a implementación da chamada ordenanza de matrículas do 1 de xaneiro de 1751, en vigor ata 1800.

Os homes na franxa de idade 14-60 anos foron clasificados en tres grandes segmentos: a mariñeiría de servizo, os inhábiles e os mozos. A primeira (o groso das tripulacións) foi categorizada por méritos militares e capacitación náutica en oficiais de mar, artilleiros, mariñeiros e grumetes. Os segundos comprenderon tanto aos xubilados, ben por idade (sexagenarios e máis anciáns), ben por campañas (un mínimo de trinta anos de servizo na Armada “con asento claro e sen nota de deserción”), como aos inválidos, con dereito a pensión só nos casos de imposibilidade física como consecuencia do servizo naval. Por último, os muchachos (de 9 a 14 anos de idade), considerados sementes dunha mariñeiría que frutificaron moi por baixo das necesidades da Armada.

                      

Fonte: Mariano R. Sánchez, Vista do Arsenal do Ferrol, 1797. Museo da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (inventario 0399)

Dita ordenanza estableceu un sistema de recruta baseado na rotación de cuadrillas de matriculados, os cales, sobre o papel, viron confirmada unha serie de dereitos e privilexios de diversa índole: retributiva (soldos, dietas e pensións), xurisdicional (foro de Mariña), fiscal (exoneración de aloxamentos e bagaxes), militar (exención de sorteos de quintas e milicias) e económica: a exclusividade para adicarse a oficios marítimos. Estas contraprestacións a miúdo foron erosionadas polas xustizas ordinarias e polos mandos do Exército, e a última, en particular, chegou a lesionar os intereses dos gremios de mar, que en circunstancias de extremo déficit de man de obra autorizada chegaron a solicitar que fose suspendida temporalmente.

O réxime da matrícula alterou o mercado laboral do mar pois as demandas de recursos humanos por parte da Armada restaron traballadores a todos os sectores da economía marítima. A marxe de manobra dos patróns pesqueiros foi inferior ao dos armadores do gran comercio e do corso que recorreron con frecuencia ao emprego irregular de tripulantes. Próbao o feito de que cara a 1790 a provincia marítima de Pontevedra, eminentemente pesqueira, con aproximadamente 3.500 matriculados hábiles triplicase o censo respectivo da provincia gaditana, cuxa capital seguía sendo a principal base do tráfico colonial español.

Por entón, o descenso dos matriculados considerados de servizo en paralelo á alza do rexistro oficial de embarcacións de propiedade privada,  foi sintomático da fraude neste sistema e garda relación coa falta de poder coercitivo e coas corruptelas das autoridades locais competentes en asuntos de Mariña. O litoral de Galicia, por onde se espallaban ducias de modestos portos, achegaba case unha cuarta parte do total de efectivos españois desta clase (ao redor de 35.000 homes). Eran insuficientes para dotar, conforme a regulamento, unha frota da Súa Maxestade composta por máis dun cento de unidades, entre navíos de liña e fragatas, e que na conxuntura bélica coa que se pechou o século XVIII e se abriu o seguinte, padeceu unha sangría masiva de prófugos. As desercións entre os matriculados responderon en boa medida ao desequilibrio entre os seus deberes militares e as súas contraprestacións, en particular, as salariais, que se pagaron tarde e mal.

De aí o rexeitamento popular por un servizo naval que roubou as mellores primaveras a miles de homes, pescadores no súa maior parte, e que se cobrou unha infinidade de prisioneiros, de mutilados e de vítimas mortais. A maioría destes óbitos non foron consecuencia directa de combates nin de naufraxios, senón debidos a enfermidades causadas polas pésimas condicións de vida de tripulacións amoreadas en espazos insalubres, mal alimentadas e peor vestidas durante campañas case interminables en tempos de guerra.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
MARCHENA FERNÁNDEZ, J. y CUÑO BONITO, J. (eds), Vientos de Guerra. Apogeo y crisis de la Real Armada (1850-1823), Madrid, Ediciones Doce Calles, 2018, 3 vols.
MERINO NAVARRO, J. P., La Armada española en el siglo XVIII, Madrid, Fundación Universitaria Española, 1981.
SALAS, F. J. de, Historia de la matrícula de mar y examen de varios sistemas de reclutamiento, Madrid, Imprenta de T. Fortanet, 1879.
VÁZQUEZ LIJÓ, J.M., “La matrícula de mar y sus repercusiones en la Galicia del siglo XVIII”, Obradoiro de Historia Moderna, 15 (2006), pp. 289-322. <https://doi.org/10.15304/ohm.15.919>.
VÁZQUEZ LIJÓ, J. M., La matrícula de mar en la España del siglo XVIII. Registro, inspección y evolución de las clases  de marinería y maestranza, Madrid, Ministerio de Defensa, 2007.
VÁZQUEZ LIJÓ, J. M., “Las tripulaciones de la Armada Española del siglo XVIII: matriculados y otros recursos”, Tiempos Modernos, vol. 10, 40 (2020), pp. 279-393. <http://www.tiemposmodernos.org/tm3/index.php/tm/article/view/5464/916>.