Nova sesión dos Seminarios Internacionais do Mestrado Universitario de Historia Moderna: Monarquía de España (séculos XVI-XVIII)
Datas: 18/11/2022 | 18/11/2022
A actividade, que se realizará de forma presencial e telemática, terá lugar o 18 de novembro de 2022, no seminario de Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC (3º andar).

O día 18 de novembro de 2022, de 10 a 12 horas, no seminario de Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC, vaise celebrar una nova sesión dos Seminarios Internacionais do Mestrado Universitario de Historia Moderna: Monarquía de España (séculos XVI-XVIII). Nesta ocasión, no seminario participarán dous profesores da Universidade de Cabo Verde que están a realizar unha estadía de investigación baixo o amparo do proxecto europeo Resistance. O doutor Lorenço Gomes (catedrático de Historia da Arte na Universidade de Cabo Verde), impartirá unha conferencia titulada, “A revolta da Achada Falcão-Santiago de Cabo Verde (1841)”. Por outra banda, o doutor Elter Carlos (profesor de filosofía na Universidade de Cabo Verde) impartirá un relatorio que leva por título “O Batuku como expressão de resistência cultural no sistema colonial português”.
O encontro, que está coordinado polo profesor Domingo L. González Lopo (USC), procura incentivar o debate analizando dúas formas de resistencia na Colonia de Cabo Verde. Por un lado, farase unha abordaxe a unha rebelión concreta acontecida no arquipélago e, por outro, verase unha forma de resistencia cultural recoñecida que sobreviviu a diferentes intentos de prohibición nos séculos XVIII e XIX. Deste xeito, esta será unha oportunidade para estudar estas formas de resistencia en relación á orde establecida en Cabo Verde realizada por grupos sociais segregados e subalternos.
Por último, todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia á actividade.