Ir ao contido principal
Volver á listaxe

PATRIMONIO MATERIAL E INMATERIAL DA EMIGRACIÓN GALEGA A PORTUGAL (SÉCULOS XVIII-XX)

Datas: 16/11/2022 | 16/11/2022

O 16 de novembro de 2022, de 9:30 a 20:00 horas, no Consello da Cultura Galega vaise celebrar a xornada Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX). A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca. O encontro está coordinado por Nieves Amado e Hortensio Sobrado, membro do GIHM-USC.

Galicia conta cunha historia migratoria de varios séculos. Porén, a historiografía galega prestou pouca atención e tardou bastante en interesarse pola investigación da emigración galega a Portugal. Este fluxo migratorio consolidouse fundamentalmente desde o século XVIII e tivo continuidade ata os anos 60 do século XX, pero é pouco coñecido pola sociedade galega actual.

Trátase dunha emigración alimentada principalmente por motivos económicos, pero tamén políticos, froito dos exilios na primeira metade do XIX, o que levou a milleiros de galegos ao outro lado da Raia, a terras portuguesas.
Nun marco interdisciplinario, nesta xornada reúnense especialistas dun lado e outro da fronteira (historiadoras/es, filólogas/os, etnógrafas/os, profesionais da comunicación audiovisual etc.) para reflexionar sobre a traxectoria histórica da emigración galega a Portugal, a difusión e valorización dos múltiples elementos do patrimonio material e inmaterial ligados á dita emigración, así como as ricas relacións de solidariedade e as seculares achegas e intercambios de carácter cultural, económico e social xurdidos froito da cooperación transfronteiriza na Raia Seca.

Participan: Domingo Luis González Lopo, Camilo Jesús Fernández Cortizo, Aurora Botão do Rego, Carlos Pazos-Justo, Hortensio Sobrado Correa, Nieves Amado Rolán, Andrés Diz Domínguez, José Rodríguez Cruz, Miriam González, Iris Justo, Andrea Pérez e Padre Lourenço Fontes.

Inscricións en: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201335

Organiza: Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega

Colabora: Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia

Coordinan: Nieves Amado e Hortensio Sobrado

 

Descargar adxunto