Seminario Internacional do Máster en Historia Modena “Monarquía de España, séculos XVI-XVIII”
Datas: 20/04/2018 | 20/04/2018 Actividade aberta
O día 20 de abril, a partir das 9 horas na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia da USC, organízase como acto de clausura do Máster “Monarquía de España, séculos XVI- XVIII” un seminario coa participación de Marco Penzi (Université Paris 1 Panthéon-Sorbonne, Francia) e Julián Carrera (Universidad Nacional de la Plata, Arxentina).
A comisión do Programa de Doutoramento en Historia Xeografía e Historia da arte da USC recoñeceu este seminario como actividade formativa para os seus alumnos. Entregarase certificado de asistencia.

Marco Penzi, Doutor en Historia Moderna (2002), é Investigador Asociado no Institut d’histoire moderne et contemporaine – UMR 8066, Université Paris 1 Panthéon-Sorbonne, no que coordina o seminario ATECOLE, Atelier du Colonial et des Empires. Os seus intereses de investigación están na historia do pensamento político e relixioso e a diplomacia nos séculos XVI e XVII. Traballa nas relacións españolas de Felipe II cos seus aliados durante as últimas tres décadas do século XVI. Tamén traballa no imaxinario anti-otomán e os homes que se involucraron nos exércitos dos Habsburgo nos séculos XVI e XVII.
- A súa intervención, que terá lugar a partir das 9:00 horas na aula 14, versará sobre A intervención española en Francia (1585-1598): entre Grand strategy e defensa do “imperio”.
Julián Carreira é profesor adxunto de Historia Americana na Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación da Universidad Nacional de la Plata, así como investigador do Centro de Historia Arxentina e Americana (CHAyA), da mesma universidade, e integrante do proxecto de investigación “Dinámicas culturais, actores sociais e prácticas cotiás. Unha abordaxe comparativa en América colonial e o temperán século XIX”.
- A súa intervención producirase a partir das 11:45 horas na aula 14 e terá por tema a Resistencia á orde na América hispánica.
O seminario, cun valor lectivo de 5 horas, conta co soporte e financiamento do proxecto europeo Resistance. Rebellion and Resistance in the Iberian Empires, 16th-19th centuries, que se desenvolve no marco do programa Marie Skłodowska-Curie Research and Innovation Staff Exchange (RISE). Neste proxecto participan, xunto a investigadores do Grupo de Investigación de Historia Moderna da USC, grupos de investigación das universidades de Cantabria, de Évora, Nova de Lisboa, o Instituto de Ciencias Sociais de Lisboa, o Instituto Max Planck de Alemaña, a Pontificia Universidad Católica de Chile, a Brown University de EEUU, así como as universidades de Cabo Verde, Nacional de La Plata (Arxentina), Federal da Bahia (Brasil) e El Colegio de Michoacán (México). O proxecto céntrase nos “procesos de resistencia” e o estudo dos seus actores e axentes, así como tamén a súa influencia nos procesos de cambio social analizados comparativamente na longa temporalidade e no espazo xeográfico dilatado que conformaron os antigos Imperios Ibéricos. Este espazo convértese nun marco programático-institucional óptimo para o intercambio, formación e traballo, tanto para os nosos investigadores formados como para aqueles mozos doctorandos en formación.