Ir ao contido principal

CALL FOR PAPERS: Mesa 20. As traballadoras do servizo doméstico en perspectiva histórica: criadas e serventes onte, empregadas do fogar hoxe (UGR, 2022)

Xa comezou o prazo de presentación de comunicacións para a mesa temática As traballadoras do servizo doméstico en perspectiva histórica: criadas e serventes onte, empregadas do fogar hoxe, sesión 20 coordinada por David Martínez López (Universidad de Granada), Isidro Dubert García (Universidade de Santiago de Compostela) e Cristina Borderías Mondéjar (Universitat de Barcelona), dentro do Congreso Internacional Gañarse a Vida: Xénero e traballo a través dos séculos, organizado pola Universidade de Granada. O encontro, que terá lugar en Pampaneira (Granada), celebrarase entre os días 12 e 16 de setembro de 2022.

Os obxectivos da mesa 20 son os seguintes:

A presenza de traballadores de ambos sexos nas tarefas domésticas dos fogares demostrou ter unha extraordinaria continuidade histórica que, malia todo, coñeceu evolucións e non poucos cambios no espazo e no tempo. Así o demostran, por exemplo, as alteracións que coñeceu a súa composición laboral, as modificacións que sufriron as súas condicións laborais ou o peso desigual que tivo a súa presenza, como colectivo, nos mercados de traballo. Porén, a continuidade histórica do traballo doméstico remunerado chegou ata os nosos días.

Esa continuidade no tempo da presenza de criadas, serventes ou empregadas do fogar convérteas nun grupo ocupacional de interese para o estudo histórico dos mercados laborais. Non en van, arredor desta ocupación —fundamental para explicar a reprodución social das familias con máis recursos ou a subsistencia e subordinación socioeconómica dos máis pobres— xeráronse e séguense a xerar situacións e procesos de desigualdade social que nos axudan a comprender, dende unha perspectiva histórica, a formación e o funcionamento das sociedades occidentais. De feito, moitos dos mecanismos e fórmulas que acompañan á desigualdade (xénero, clase, orixe social e etnia) estiveron (e están) continuamente presentes no marco social e laboral que rodea esta ocupación.

O interese historiográfico que espertou o estudo das traballadoras do fogar dá conta do vigor das investigacións realizadas nos últimos anos arredor dela no continente europeo. En España, diversos grupos de investigación de Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid ou Euskadi tiveron como obxectivo prioritario avanzar no coñecemento deste colectivo profesional.

Coa intención de estudar tanto os efectos económicos e sociais como as expectativas vitais e familiares que ofreceu historicamente a actividade laboral a quen a exerce, así como desvelar e analizar os mecanismos e limitacións que pesaron e lastraron no fogar retribuído e de traballar e sacar á luz as dinámicas sociais que isto alimenta, propoñemos esta mesa de traballo aos investigadores comprometidos con esta temática.

 

En suma, anímase a todas as persoas interesadas a participar enviando unha proposta de comunicación antes do 15 de abril de 2022 mediante o formulario deseñado para tal fin. Todas as propostas deben incluír:

• Título da comunicación.
• Datos da(s) persoa(s) comunicante(s) (nome, filiación institucional, correo electrónico, páxina web persoal, teléfono).
• Un resumo de entre 300 e 500 palabras. Ademais, hai que engadir entre tres e cinco referencias bibliográficas; e entre tres e cinco palabras clave. O resumo publicarase no libro de resumos con ISBN nunha editorial recoñecida.

Por último, as taxas da inscrición son de 90€ (antes do 15 de maio de 2022) e de 150€ (entre 16 de maio e o 31 de xullo). Os estudantes e desempregados terán unha bonificación do 50%. Na seguinte lizagón pode formalizar a inscrición: https://form.123formbuilder.com/6083764/Ganarse-La-Vida-Registro 

Máis informacións: https://www.cehval.es/ganarselavida/

Descargar adxunto