É realmente o avellentamento demográfico o principal problema de Galicia?

O profesor Isidro Dubert, membro do Grupo de Investigación de Historia Moderna da USC (GI-1921) e catedrático de historia, reflexiona nunha entrevista sobre a necesidade de pensar historicamente o presente a propósito do que os medios de comunicación veñen sinalando como o principal problema de Galicia: o avellentamento demográfico.
O descoñecemento das chaves históricas do fenómeno e dos fundamentos máis básicos da Demografía levan a eses medios a presentar ao avellentamento poboacional como un síntoma, cando non como a proba máis evidente, do actual “atraso económico e social” de Galicia. Pola contra, os expertos avisan de que, en realidade, é un dos indicadores do progreso e do benestar acadado nas sociedades máis desenvolvidas do planeta.
Este descoñecemento que os medios de comunicación amosan a respecto do fenómeno e do noso pasado colectivo, a visión interesada que difunden do primeiro e os particulares intereses aos que serven, lévanlles a crear e a difundir unha alarma social arredor do avellentamento poboacional coa que, en realidade, tratan de evitar que se fale, e mesmo de agochar, o que si ten demostrado ser o principal problema da historia de Galicia: a emigración. Esta foi historicamente a causante dos actuais niveis de avellentamento demográfico da poboación galega, o que nos indica que as causas económicas e sociais que a orixinan aínda non foron atalladas hoxe, como o proba a existencia da actual vaga migratoria que está a golpear á mocidade galega.
VEXASE A ENTREVISTA EN: https://www.youtube.com/watch?v=YeWoNH1g4iI
Neste senso, a investigación histórica ten demostrado que a sociedade galega foi sempre unha sociedade relativamente avellentada, en boa medida, debido ao impacto da mencionada emigración. Así, por exemplo, e para que nos fagamos unha idea, a idade media dos cabezas de familia en Galicia a mediados do século XVIII, 46-47 anos, é a mesma que a idade media dos galegos de hoxendía, en tanto que nesa altura arredor dun 25% dos fogares estaba encabezado por unha persoa de 60 ou máis anos nun país no que a esperanza de vida non chegaba aos 31 anos. Na mesma liña, os niveis de avellentamento poboacional acadados, por exemplo, nas Rías a finais do século XVIII, ou a mediados do XIX, aseméllanse en todo punto aos existentes en Francia neses intres por mor da pegada da emigración galega a Portugal, Castela e América. A diferencia entre os niveis de avellentamento dun e outro lugar, é que Francia era un dos países máis avellentados, poboados e desenvolvidos de Europa, unha verdadeira potencia económica e política, na que a emigración exterior case que non tiña presenza sociodemográfica.
O desenvolvemento da actual vaga migratoria, iniciada a mediados da década do 2000, en realidade a quinta da historia de Galicia e a terceira da época contemporánea, ten chamado a atención dos especialistas. En particular, polo esforzo desenvolvido estes anos polos medios de comunicación locais, polas grandes institucións culturais galegas e por certos sectores da universidade, da política e da administración autonómica para evitar que se falase dela botando por diante, alentando e explotando socialmente o medo ao avellentamento demográfico.
Ao respecto, nun recente libro coordenado polo historiador Isidro Dubert e a socióloga Antía Pérez-Caramés, Avellentamento demográfico e invasión migratoria: dou mitos contemporáneos (Madrid, La Catarata, 2021), tense afondado polo miúdo no porqué deste comportamento, ao tempo que nas súas páxinas ponse de manifesto, ao pensar historicamente o presente, que esta peculiar obsesión das nosas elites co avellentamento demográfico en Galicia está lonxe de ser un problema local, visto que tamén se atopa no resto de España e de Europa, onde se vincula ideoloxicamente cos supostos problemas que nas sociedades europeas orixinan a inmigración -a mal chamada “invasión migratoria”- e a caída da fecundidade. Un mito que é desmontado neste libro de lectura recomendada, froito da ollada interdisciplinar lanzada ao pasado, quer o máis próximo quer o máis afastado, por historiadores, sociólogos, demógrafos e economistas.