Ir ao contido principal

“Estudos de Historia na Universidade de Santiago: da fundación á internacionalización (1923-1973)” (USC, 2022)

Baixo o título “Estudos de Historia na Universidade de Santiago: da fundación á internacionalización (1923-1973)”, o Paraninfo da USC acolle o 24 e 25 de novembro o primeiro encontro do Centenario de Estudos de Historia na institución.

O xoves 24, ás 9:30 horas, o reitor Antonio López abrirá o acto de inauguración deste evento, que contará coas intervencións de Román Rodriguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades; Rosario Alvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e docente na USC; Marco Garcia Quintela, decano da Facultade de Xeografía e Historia e Ramón Villares, coordinador do centenario. A partir das 10.30 horas, Ramón Villares será o encargado de pronunciar o discurso de conmemoración académica ‘Os primeiros pasos dunha facultade (1923-1936)’.

Este primeiro encontro conmemorativo continuará ao longo de toda a xornada con varias mesas redondas e conferencias. A primeira delas, titulada ‘A pluralidade dos estudos da Facultade’ e moderada por  Marco V. García Quintela, arrancará ás 12.00 coa participación de Julio Hernández Borge, profesor de Xeografía da USC; Encarna Otero Cepeda, profesora de Ensino Medio;  Xosé Manuel López Vázquez, profesor Historia da Arte da USC;  e Desiree Dominguez, directora do Arquivo Universitario da institución.

A partir das 16.30 horas, a sesión ‘O pasado dos estudos de Historia’ ofrecerá as conferencias ‘Os estudos de Arqueoloxía e Historia antiga en España (1923-1936), do profesor da Universidade do País Vasco, Antonio Duplá; e ‘Historiografía durante o primeiro franquismo. A hora cero da profesión de historiador en España’ do profesor da Universidade de Zaragoza Ignacio Peiró, quen comezará a súa intervención ás 18.00 horas.  A segunda parte desta sesión desenvolverase o venres 25 a partir das 10.00 horas, co relatorio  ‘A historiografía dos sesenta: continuidade e renovación’ a cargo de Elena Fernández Sandoica, da Universidade Complutense de Madrid.

A sesión do venres pechará cunha mesa redonda sobre o ‘Congreso de Metodología Aplicada de las Ciencias Históricas de 1973: Evocación e análise’ que, moderada por Pegerto Saavedra, reunirá a partir das 11.45 horas a Felipe Arias, conservador de Museo; Fernando López Alsina, USC;  Juan E. Gelabert. da Universidade de Cantabria; Celso Almuiña, da Universidade de Valladolid e Xosé Ramón Quintana Garrido, profesor Ensino Secundario.

Máis información e programa