Ir ao contido principal

Faladoiro con Ofelia Rey Castelao sobre a historia das mulleres galegas, o estado da disciplina e a divulgación histórica

A historiadora Ofelia Rey Castelao, especialista no eido da historia das mulleres e membro do Grupo de Investigación Historia Moderna (GI-1921), foi entrevistada para a revista Mazarelos nun encontro no que aborda o tema da historia das mulleres, a importancia do seu estudo e o destacado papel que tiveron as mulleres nunha Galicia con elevadas taxas de emigración masculina, tal e como sucedeu na época moderna. Esta mobilidade social alteraba a nupcialidade, retrasando o casamento e facendo que, por exemplo, os matrimonios se realizasen no inverno, ao tempo reducía a fecundidade ou, dito de outro xeito, a reprodución social. A ilexitimidade era alta en Galicia na Idade Moderna, pero isto estaba vinculado ao sistema de reprodución social. Neste senso, os fillos de solteira eran, en moitos casos, un seguro para a vellez, polo que no mundo rural eran tolerados. As mulleres, asemade, estaban ao cargo das obrigas da terra, polo que elas eran as que mantiñan a economía familiar na ausencia masculina.

A especialista galega, boa coñecedora do tema, recentemente acaba de publicar un libro sobre a emigración feminina (El vuelo corto: mujeres y migraciones en la Edad Moderna, Santiago, USC, 2021), que trata unha das mobilidades sociais menos estudadas, as protagonizadas por mulleres, nun tipo desprazamento corto e de campo a cidade, polo que moitas mulleres se integraban no servicio doméstico de distintas cidades castelás, así como nun amplo conxunto de oficios. 

                                                                                     

Precisamente, a imaxe da galega rural nas grandes urbes, deformada e satirizada, era a que se filtraba na literatura da época, obtendo gran difusión e perdurando no tempo. As mulleres que se desprazaban ás cidades por motivos económicos, facíano para desempeñar tarefas de servizo e de importante esforzo físico, cunha formación escasa e acompañadas doutra lingua diferente ao castelá, con pouco dominio desta lingua, polo que eran retratadas de xeito negativo na literatura barroca. Secasí, non só as galegas se viron afectadas polos prototipos satíricos, senón que outros pobos europeos e españois sufriron a mesma sorte. Sen embargo, a literatura non deixa de ser una visión distorsionada da realidade e non é historia…

Por outra banda, as mulleres en Galicia foron as depositarias, en certa medida, da cultura oral e das tradicións. Entre os diferentes e variados espazos de socialización estaban as feiras, as fiadas, os velorios, así como bailes e festas. As feiras e a súa actividade adquiren gran importancia no século XVIII. Falamos dunha economía de troco que adquire gran dimensión grazas ao intercambio de produtos téxtiles, derivados de leite, produtos elaborados varios e excedente agrícola. Neste contexto, as feiras acadan dimensión social, como sistema sociabilidade, como lugar de intercambio de ideas e como escenario da festa civil, xerando un sistema de relacións máis libre. 

                                                                       

Na última parte da conversa, trátase o tema do estudio da historia das mulleres, as fontes existentes e o estado no que se atopa o campo de estudo. Non é certo que as mulleres sexan invisibles nas fontes documentais do pasado e esta idea debe ser desterrada. Elas herdaban coma os homes e compraban e vendían terras, iniciaban preitos e legaban os seus bens, polo que están moi representadas nas escrituras notariais. Tamén aparecen nas fiscais. Con todo, o eido con menor presencia é o das emocións, tal e como sucede sempre. 

Por outra parte, a parcelación dos estudos de xénero en materias illadas nos graos non favorece aos estudo das mulleres, pois acaban illando a disciplina, polo que a clave está na integración da dimensión de xénero nos estudos. Ademais, os mestrados e cursos de doutorado xa abordan especificades. Sen embargo, actualmente observamos una realidade preocupante. Os programas orientados ao estudo das mulleres son ignorados polo alumnado masculino, polo que o problema non está nin no programa de estudo nin no profesorado, senón no receptor social da mensaxe. A isto hai que engadirlle que hoxe en día as humanidades están copadas por alumnado masculino, que está pouco interesado pola historia das mulleres e non participa nos programas de xénero… 

Por último, a investigadora galega, membro do Grupo de Investigación Historia Moderna (USC), aborda unha das cuestións máis complexas ás que se pode enfrontar un profesional da historia, a cuestión da difusión da historia, pregunta clásica á que se enfrontaron mestres da historia do pasado e do presente. Con todo, a catedrática da USC sae ben parada do reto. Non cabe dúbida de que a divulgación é complexa, pois os historiadores están acostumados a facer investigación e esa produción non chega ao conxunto social por distintos motivos. Asemade, divulgar non é tomar o excepcional e anecdótico como pretexto para construír un relato dos feitos pasados, como moitas veces se require dos profesionais da historia para achegarse á sociedade. A divulgación é extremadamente complexa, pero a clave está na pregunta que nos facemos, que debe ser boa, e as respostas que obtemos… 

Pinche aquí para ver a entrevista completa de “Baixar á Praza”, na revista interactiva Mazarelos