Ir ao contido principal

Faladoiros da “Galicia Navegante” (11 e 18 de decembro, ás 19:30h)

Para entender mellor a importancia das navegacións na nosa literatura, organizouse o ciclo A Galicia navegante, con dous parladoiros que abordarán a importancia que as navegacións tiveron na nosa Historia e na nosa Literatura. O ciclo terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (rúa Padre Amoedo Carballo, n.3 Pontevedra).

  • A primeira mesa leva como título A Galicia navegante no imaxinario literario e nela participarán Víctor Freixanes, Pemón Bouzas e María Solar, baixo a coordinación de Dolores Vilavedra.  Será o mércores, 11 de decembro ás 19:30 horas.
  • A segunda das mesas terá lugar o mércores 18 de decembro ás 19:30 horas e levará como título A Galicia navegante na investigación histórica. Nela participarán Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó, Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.

Esta xornada está vinculada á exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV – XVII», que está comisariada por Ofelia Rey Castelao e organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. A exposición permanecerá aberta dende o día 12 de novembro ata o día 14 de xaneiro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Máis información sobre a exposición en: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200943

 

No ano 2019 conmemórase o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta. A exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV – XVII», instalada no Museo de Pontevedra e comisariada por Ofelia Rey Castelao, amosa as consecuencias que aquela formidable viaxe tivo para Galicia. Deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.

Descargar adxunto