Galicia nas viaxes transoceánicas (séculos XV-XVII)

Ofelia Rey Castelao, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela
Na actualidade, estamos a celebrar a efeméride da primeira viaxe da contorna ao mundo, que se iniciada coa saída dunha frota do porto de Sevilla o 10 de agosto de 1519, ao mando de Fernando de Magalhães –navegante portugués ao servizo da monarquía hispana–, e que remataba o 6 de setembro de 1522, coa chegada de Juan Sebastián Elcano ao porto gaditano de Sanlúcar de Barrameda. Só retornaba a nao Victoria, na que viñan Juan Sebastián Elcano e dezasete homes, os únicos superviventes de tamaña singradura. Cando chegaron, dixeron “demos a volta ao mundo enteiro”, despois de percorrer “catorce mil catrocentas sesenta leguas”. Moitos non os creron, pero era certo, pois, por Sanlúcar, pasaran eses homes anos antes.
Morto en Mactán en 1521, Magalhães non chegou a saber que a súa expedición remataría a circunnavegación do noso planeta. O seu plan era chegar ás illas Molucas ou illas da Especiaría, indo polo oeste cara o océano Pacífico, sen ter que entrar na parte do mundo reservada a Portugal no Tratado de Tordesillas de 1494. Dende fóra, pode parecer que Galicia se mantivo ao marxe nesta carreira de expedicións e descubrimentos, pero o certo é que si participou na fazaña anteriormente mencionada, que tivo consecuencias na nosa terra. De feito, este vello reino puido sacar proveito da súa situación nas rutas atlánticas, grazas ás vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo na Carreira das Indias –aberta por Colón en 1492– e escolleron Sevilla, vila moi activa e porto fluvial, que tiña mellores condicións climáticas e económicas para facerse cargo da empresa. Pero os poderosos galegos, entre os que compre sinalar a don Fernando de Andrade, ansiaban ter parte no negocio das especias e na trasfega ultramariña e así llo esixiron a Carlos I, a cambio de colaborar con el para facer fronte á revolta das Comunidades.
O retorno de Elcano, coa nova dun paso do Atlántico ao Pacífico polo Sur, que se chamaría despois Estreito de Magalhães, permitindo chegar ás Molucas, fixo realidade aquela aspiración. A Casa da Especiaría da Coruña foi un proxecto pouco duradeiro, pero deu a Galicia un importante protagonismo que tamén se debe celebrar. Ademais, non se entendería este feito sen os que houbo antes, é dicir, sen as exploracións portuguesas para ir á procura das especias asiáticas e das riquezas míticas das que escribira Marco Polo; esas viaxes fixéranse indo cara oriente, percorrendo a costa de Africa, una ruta descoñecida e de enorme risco. Outro fito fundamental, más simbólico que económico, foi a arribada de Martín Alonso Pinzón a Baiona en 1493, anunciando que as naos de Cristóbal Colón chegaran ás Indias, seguindo a ruta cara ao occidente. A partires dese momento, cómpre ter en conta a intervención de galegos nas grandes expedicións, na de Magalhães e noutras que saíron da Coruña.
Os tipos de barcos empregados nestas perigosas viaxes e a dura vida no seu interior fannos valorar aínda máis o esforzo daqueles arriscados navegantes e das súas tripulacións. Nestas perigosas viaxes, Galicia tamén interveu e navegantes senlleiros da terra tentaron mellorar as rutas para chegar aos ansiados produtos asiáticos nos mercados europeos e para deseñar cartas náuticas e mapas que favorecesen a navegación, reducindo os riscos. Asemade, institucións como a Casa da Especaría da Coruña permitiron que Galicia participase no comercio mundial que se abría daquela, non sen dificultades para facelo, tendo en conta as circunstancias propias do noso país, moi afastado do trato directo coas Molucas e de América. No obstante, esta aventura rematou pronto, ao seren cedidas esas illas á coroa de Portugal por Carlos I e despois de que Felipe II retirase a Baiona e á Coruña a posibilidade de mandar barcos ao Novo Mundo en 1572.
Os nomes e os feitos de galegos relevantes que participaron nestas fazañas non son moitos, pero son significativos: Sebastián de Ocampo, “bojeador” da illa de Cuba; don Fernando de Andrade, fomentador da Casa da Especiaría; Sarmiento de Gamboa, o explorador das terras austrais xunto con Álvaro Mendaña de Neira; Gómez Pérez das Mariñas, gobernador das Filipinas; e sobre todo, os irmáns Bartolomé e Gonzalo García de Nodal, navegantes que fixeron o paso do Estreito cen anos despois da expedición de Magalhães e que publicaron a súa experiencia nun libro impreso en 1621. Cómpre lembrar tamén aos mariñeiros galegos que ían con eles ou con outros navegantes e exploradores, pois son parte da historia colectiva e, por tanto, non teñen menos merecementos por non teren nomes recoñecidos.
Finalmente, cando Elcano volveu da súa xigantesca aventura, pasou a traballar na Coruña e morrería na expedición de Jofre García de Loaisa –que saíra dese porto galego–, pero sen ser consciente de que a súa viaxe de 1519 a 1522 iniciara a globalización. O percorrido da expedición deixou centos de mortos, pero fixo que as diferentes partes do mundo coñecido se vinculasen, que os produtos exóticos, as especias necesarias para conservar alimentos ou para curar enfermos, así como o ouro e a prata, enchesen os barcos cara aos mercados occidentais e que, para ben e para mal, persoas e sociedades moi diferentes se puxesen en contacto. Nesa nova economía, Galicia tivo un papel importante e viviu feitos que foron fundamentais na súa historia, pero dos que queda pouca memoria. En xeral, o tesouro material que se conserva destas aventuras son mapas, cartas náuticas, retratos, pezas de barcos, moedas, informes manuscritos e impresos, que non deixan ver todo o que foron aquelas formidables viaxes, sen dúbida moito máis grandes do que as palabras poden expresar.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
-EIRAS ROEL, A., REY CASTELAO, O., Los gallegos y América, Madrid, Mapfre, 1992.
-GARCIA ORO, J., Don Fernando de Andrade, conde de Villalba (1477-1540), Santiago, Xunta, 1994.
-GELABERT, J. E., “Aires d’approvisionement, stratégies et marchés en Galice (1500-1640)”, Actes du Colloque de Flaran, Auch, 1985, pp. 243-248.
–Inventio Mundi. Galicia nas Viaxes Transoceánicas [Catálogo de exposición], Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2019.
-JUEGA PUIG, J., La flota de Nueva España en Vigo, 1702, Sada: Ed. do Castro, 2001.
-JUEGA PUIG, J., El comercio marítimo de Galicia, 1525-1640, Pontevedra, Diputación, 2014.
-NOGUEIRA SANTIAGO, P., “Les répercussions de la politique de Charles Quint en Galice: l'exemple de la ville de La Corogne”, in A. MOLINIE-BERTRAND et J. P. DUVIOLS, Charles Quint et la monarchie universelle, París: Presses de L'Université de Paris-Sorbonne, 2001, pp. 205-213.
-REY CASTELAO, O., “Los Gallegos y América en tiempos de Carlos V”, en A. EIRAS ROEL (coord.), El Reino de Galicia en la época del Emperador Carlos V, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2000, pp. 301-328.
-REY CASTELAO, O., “Del noroeste español a América: oportunidades y medios de fraude y de corrupción”, e-Spania. Revue interdisciplinaire d´études hispaniques médiévales et modernes [En ligne], 16 (2013). [https://doi.org/10.4000/e-spania.22854]
-REY CASTELAO, O., “Los gallegos en América y Filipinas en tiempos de Felipe II”, en A. EIRAS ROEL (coord.), El Reino de Galicia en la Monarquía de Felipe II, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1998, pp. 473-498.
-RODRÍGUEZ COUTO, D., “El poder está en el mar. La expedición de los hermanos Nodal (1618-1619)”, Obradoiro de Historia Moderna, 28 (2018), pp. 293-320. [https://doi.org/10.15304/ohm.27.5048]