Ir ao contido principal

Galicia no roteiro dos cartos e as transformacións do século XVIII

 

Francisco Cebreiro Ares, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela

 

O padre Sarmiento coidou que a entrada de “pesetas” en Galicia sería a súa ruína, porque “endexamais poderá ser infeliz por falla de pesetas, senón por falla de froitos da terra” (Dopico, 1989: 112). E aínda que é certo que a prata non se come, é posible que os galegos da época pensasen o contrario.

A imaxe tradicional de Galicia nos tempos modernos é maiormente campesiña, caracterizada por usos agrícolas onde a principal innovación tivo lugar coa entrada de novos cultivos (millo e patacas). A fertilidade e a bonanza agrícola do territorio funcionaron como unha trampa maltusiana que reduciu o excedente produtivo dispoñible para a súa comercialización a través de medios demográficos. Como resultado, Galicia foi o reino máis densamente poboado da Coroa de Castela, mais sen que a súa estrutura económica apenas mudase (García-Lombardero, 1977: 75-77).

As elites sociais –compostas na súa maior parte por cregos e fidalgos– conectaban con este mundo rural a través do lazo, ou máis ben da soga, da renda. Á súa vez, destinaba á caridade e ao luxo o produto da comercialización desa renda, contribuído así ao mantemento dunha estrutura económica resistente ao cambio (Saavedra Fernández, 1994). A ausencia dunha burguesía dinámica –ou ollado dende outro ángulo, a debilidade das cidades galegas– era o mecanismo que explicaba a ausencia de innovacións económicas, en xeral, e de innovacións financeiras, en particular. Creouse entón –e recrease en certa literatura histórica– un estado de cousas onde os cartos e os mecanismos financeiros foron practicamente inexistentes en Galicia ata ben entrado o século XIX.

Porén, e en paralelo á existencia dun certo mercado do crédito, materializado baixo a forma de obrigas (é dicir, préstamos sinxelos, con ou sen garantía hipotecaria) e censos (ou sexa, os devanceiros do actual préstamo hipotecario, que se situabn sobre unha propiedades raíz, xeralmente terras ou un inmoble a un tipo de interese non superior ao 3%), déronse tamén ao longo do século XVIII unha serie de cambios que activarían –lixeiramente– a transformación monetaria en Galicia.

En primeiro lugar, a Monarquía comezou a escoller por razóns xeoestratéxicas, principalmente debido á guerra con Inglaterra, o noroeste peninsular para que tivesen lugar as descargas das frotas que regresaban de América. Durante a fase punta deste proceso (1743-1749), máis da metade do total das descargas feitas por esas frotas na península realizáronse en Galicia. Isto permitiu que na cidade da Coruña se puxesen os vimbios para que tivese lugar a intermediación financeira con Cádiz e Europa, obviamente para desgusto dos acredores, que agora tiñan que pagar máis intermediarios ca antes (Cebreiro Ares, 2020).

En segundo lugar, e quizais con algunha relación co anterior, a Monarquía creou os Reais Estaleiros en Ferrol (1750) e os Correos Marítimos na Coruña (1764), o que tivo un efecto dobre. Por unha banda, aumentou considerablemente o investimento da coroa no territorio galego, e pola outra, os correos marítimos reeditaron de forma estábel, aínda que reducida, a conexión coa prata latinoamericana, ao permitir os retornos de remesas nos seus navíos (Alonso Álvarez, 1986).

 

Totales anuales de las arribadas monetarias a Galicia comparados con los globales de las arribadas peninsulares y aproximación proporcional del total (en pesos) entre 1743-1749

                   arribadas a Galicia             arribadas total peninsular                                 % Galicia del total
                     serie DeLastre             García Baquero          Morineau              García Baquero         Morineau

1743                1.337.500                    8.214.500                8.246.029                      16,28                  16,22
1744                   225.290                    1.924.024                1.477.535                      11,71                  15,25
1745                8.988.718                  12.000.000              11.549.642                       74,91                 77,83
1746                7.047.719                     6.990.791               8.656.139                       >100                  81,42
1747                7.820.886                     8.212.981               6.790.298                      95,23                  >100
1748                   239.772                     4.816.732               5.444.918                        4,98                     4,4
1749               22.103.651                  34.887.801              36.072.364                     63,36                 61,28
total                47.763.536                  77.046.829              78.236.925                      61,99                61,04

 

Se estes cambios forxáronse na primeira metade do século, a guerra contra Inglaterra, en 1779, volverá pór a Galicia no mapa da estratexia naval e favorecerá unha serie de transformacións do diñeiro que afectaron, en maior ou menor medida, a todo o territorio do Imperio español. Estas transformacións foron principalmente de dous tipos.

En primeiro lugar, acelerouse a adopción de mecanismos de substitución do diñeiro –como as letras de cambio– así como a formación e participación en compañías por accións e  aseguradoras. Con isto, a letra de cambio ampliou o seu uso. Vémolo cara a finais de século nunha cidade levítica, carente de porto e pouco ligada ao comercio internacional como Santiago de Compostela, a cal  atópase agora perfectamente conectada non só co resto de Europa, senón tamén con distintos lugares do virreinato de Nova España.

En segundo lugar, e debido ao transcurso e ao resultado da guerra contra Inglaterra, as cantidades de numerario que eran detraídas da circulación para o gasto bélico, dificilmente volveron á masa dispoñíbel, co que acabou diminuíndo o crédito, e con iso as futuras posibilidades de transformación industrial.

A peza que chegaría a coroar esta transformación monetaria de Galicia no século XVIII foi a fundación dunha oficina do Banco de San Carlos na cidade da Coruña, froito deste proceso e das oportunidades que abrira a habilitación deste porto ao comercio colonial (Cebreiro Ares, 2020).

O Banco de San Carlos, un dos antecedentes inmediatos da banca estatal en España, foi creado por Carlos III en 1782 xunto cun grupo hispano-francés de banqueiros (Tedde de Lorca, 1988). Pola súa banda, A Coruña non só ofrecía a posibilidade de acceder ás remesas de ouro e prata que chegaban á cidade grazas á actividade das empresas mercantís implicadas no comercio con América, senón que tamén contribuíu á creación dun mercado de capitais por accións practicamente inexistente ata ese intre no territorio galego. Máis aínda, abriu de xeito público e ininterrompido a posibilidade de facer transferencias de capital baratas e áxiles mediante letras de cambio, principalmente a Madrid, pero tamén a moitas outras capitais europeas, como París, Londres ou Amsterdam. A análise deste fluxo indica que o volume de negocio financeiro da Coruña foi superior ao seu volume comercial, aínda que isto terá que ser estudado en profundidade en futuras investigacións sobre o tema.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:   

Alonso Álvarez, Luis, Comercio colonial y crisis del antiguo régimen en Galicia (1778-1818), A Coruña, 1986.

Cebreiro Ares, Francisco, El Banco de San Carlos en Galicia (1783-1808). Periferia financiera, plata hispánica y final del Antiguo Régimen monetario, París, Éditions Hispaniques, 2020.

Dopico, Fausto, Ilustracion e pensamento economico en Galicia, Vigo, Galaxia, 1989.

García Lombardero, Jaime, Agricultura y estacamiento económico de Galicia en la España del Antiguo Régimen, Madrid, Siglo XXI, 1977.

Saavedra Fernández, Pegerto, La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen, Barcelona, Crítica, 1994. Tedde de Lorca, Pedro, El Banco de San Carlos (1782-1829), Madrid, Alianza Editorial, 1988.