Inauguración da exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII»

O vindeiro 12 de novembro de 2019, ás 18:00 horas, no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (rúa Padre Amoedo Carballo, 3, 360002, Pontevedra), terá lugar a inauguración da exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII». Esta exposición está organizada polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. Ofelia Rey Castelao, membro do GIHM, participou na configuración da mesma.
A exhibición permanecerá aberta ao público dende o día 12 de novembro ata o día 14 de xaneiro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
O acto está aberto á participación de todos aqueles que queiran asistir.
En 2019 conmemórase o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta. A exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV – XVII», comisariada por Ofelia Rey Castelao e co deseño de Era Comunicación, amosa as consecuencias que aquela formidable viaxe tivo para Galicia. Deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.
Folleto da exposición (descargar en adxunto)