Ir ao contido principal

Investigadores do GIHM realizan unha estadía de investigación no Colexio de Michoacán (México)

Investigadores do Grupo de Investigación en Historia Moderna (GI-1921) realizan unha estancia de investigación do 25/07/2023 ao 24/08/2023 en México. O centro receptor é o Colexio de Michoacán, institución superior de investigación de gran recoñecemento nacional e internacional. En concreto, Ofelia Rey Castelao, Ana M. Sixto Barcia e Alex Valledor Aróstegui estarán vinculados ao Centro de Estudos das Tradicións (ColMich), aínda que colaborarán co Centro de Estudos Históricos da citada institución, cuxos membros son destacados especialistas no estudo da teoría do dereito e da xustiza colonial.

Esta estancia de investigación realízase no marco do proxecto RESISTANCE: Rebelión e Resistencia no Imperio Ibérico, séculos XVI-XIX, Ref. RISE 2017. Nº 778076. H2020-MSCA-RISE-2017, do que Ofelia Rey é o Team Leader do equipo da USC, formado por nove investigadores. O proxecto RESISTANCE, financiado pola Comisión Europea –Marie Skłodowska-Curie Actions–, é un proxecto de investigación colaborativo formado por 102 investigadores e 13 institucións superiores de investigación, entre elas a Universidade de Évora, a Universidade Nova de Lisboa, o Instituto de Ciencias Sociais (ICS-ULisboa), o Instituto Universitario de Lisboa (ISCTE-IUL), a Universidade de Cantabria, a Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Max Planck (Alemaña), a Universidade Brown (EE.UU.), a Universidade de Cabo Verde, a Universidade Federal de Bahía (Brasil), a Pontificia Universidade Católica de Santiago de Chile (Chile), a Universidade Nacional da Prata (Arxentina) e o Colexio de Michoacán (México).

Ademais do traballo de consulta bibliográfica, os investigadores tamén realizarán actividades de divulgación científica, tanto no ColMich como noutras institucións de ensino superior como a UNAM ou a BUAP, así como realizarán tarefas de investigación en diferentes arquivos nacionais mexicanos. Asemade, os investigadores españois manterán diversas reunións de traballo e contacto cos especialistas mexicanos do Colexio de Michoacán, encabezados por Leopoldo López Valencia e Rafael Diego-Fernández Sotelo.

Máis información sobre o ColMich: https://www.colmich.edu.mx/