O profesor Camilo Fernández Cortizo participa nas XXI Xornadas Blanco Freijeiro (24/11/22)

Ao longo desta semana, entre o luns 21 e o sábado 27 de novembro, vanse celebrar as XXI Xornadas Blanco Freijeiro, organizadas polo Concello de Marín. O profesor Camilo Fernández Cortizo, membro do Grupo de Investigación Historia Moderna, impartirá a conferencia “A Pequena Idade de Xeo: desamaños e desastres”, que terá lugar o 24 de novembro ás 20 horas na Biblioteca Municipal “Vidal Pazos” (Avenida de Ourense 6, 36900 Marín).
No último milenio, a historia do cambio climático en Europa e tamén en Galicia, presenta a sucesión e a alternancia de períodos cálidos e fríos; así ao Período Cálido medieval, seguiulle unha fase fría, a Pequena Idade de Xeo e, a continuación, de novo outra de quecemento térmico. Esta etapa intermedia, que en Galicia transcorreu aproximadamente entre o século XV e mediados do século XIX, caracterizouse por un arrefriado térmico, por un incremento das precipitacións, tamén de neve en cotas máis baixas e, finalmente, por unha extrema variabilidade climática. Con fontes históricas diversas, aínda que principalmente coas rogativas por anomalías climáticas, a climatoloxía histórica, unha disciplina cunha recente e curta existencia na historiografía galega, reconstrúe o clima e o tempo do pasado, fixando en particular a cronoloxía, a frecuencia e a natureza dos fenómenos hidrometeorológicos extremos (choivas; temporais e tempestades; inundacións e avenidas; secas; avance da area; precipitacións de neve) e, así mesmo, a súa repercusión na produción agropecuaria, na aparición de enfermidades, na paisaxe, na vida e actividades humanas, etc.
Máis informacións e inscrición (gratuíta): xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.
Programa completo da actividade: https://www.concellodemarin.es/xxi-xornadas-blanco-freijeiro/