Ir ao contido principal

Sobrado Correa, Hortensio

Profesor Titular

hortensio.sobrado@usc.es

(Castroverde, 1967). Profesor Titular de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado (1990) e Doutor (1997) con Premio Extraordinario en Historia, na USC. Desempeñou cargos de Secretario (2001-2009) e Director do Departamento (2009-2013) de Historia Medieval e Moderna da USC. Ten feito estadías de investigación na Maison de la Recherche en Sciences Humaines de l´Université de Caen (MRSH) en 1998 e no Centre de Recherches Historiques (C.N.R.S.) de l´ École des Hautes Études en Sciences Sociales de París (E.H.E.S.S.), en 1999.

A súa investigación nos derradeiros anos centrouse fundamentalmente no ámbito da Historia Rural na Galicia da Idade Moderna, prestando atención a aspectos tales como o cultivo e a fertilización das terras, a evolución da paisaxe agraria, a “pegada ecolóxica” das actividades campesiñas complementarias á labranza (caza e  recursos cinexéticos, incidencia dos animais nocivos para as actividades agropecuarias, gandeiría…), ou a traxectoria histórica dos comunais, e os diversos aproveitamentos do monte na economía campesiña da época, entre outros moitos.

Asimesmo, entre as súas liñas de investigación tamén tivo cabida o ámbito da Historia Social e Cultural do campesiñado, atendendo ao estudio da familia e das idades da vida (infancia, xuventude e vellez), dende un punto de vista socio-económico e cultural, a importancia das redes parroquiais e das comunidades rurais, ou os entresixos da sociabilidade e da solidariedade familiar e comunitaria, así como ás condicións de vida da poboación rural galego de Antigo Réxime, tanto dentro como fora de Galicia, prestando atención á situación social dos desprazados/as (fundamentalmente á veciña Portugal) por  razón de mobilidade laboral. Así, nos últimos anos profundizamos na análise da asistencia aos enfermos e presos galegos no seu periplo migratorio nas cidades de Portugal. Sen esquecer o estudo da pobreza, da caridade e a asistencia nas sociedades campesiñas.

A coordinación e participación nas Accións integradas Hispano-Portuguesas (“Mujeres, familia y patrimonio” (Cod. HP2005-0077; 2006 – 2008); e “Movilidades: población, sociedad, productos y culturas (siglos XVI-XX) (Cod. PT2009-0034; 2010-2011), fixo posible intensas relacións con grupos e centros de investigación portugueses, principalmente do Centro de Investigaçao Transdisciplinar “Cultura, Espaço e Memoria” (CITCEM), dependente das Universidades de Minho e de Porto, ou co Instituto de História Económica e Social da Facultade de Letras de Coimbra.

Currículum

Publicacións