Ir ao contido principal

Príncipes e señores eclesiásticos. Os arzobispos de Santiago na época moderna

Fernando Suárez Golán, doutor en Historia e investigador da Universidade de Santiago de Compostela

Grazas aos efectos simbólicos derivados do culto aos restos do apóstolo Santiago o Maior e favorecida polos privilexios que os reis de León lle prodigaron durante a idade media, a Igrexa compostelá destacou no Antigo Réxime sobre as demais dioceses da coroa de Castela. Polo demais, o arcebispo de Santiago de Compostela era o de maior rango dentro do reino de Galicia, polo que o eclesiástico que accedía a esta dignidade durante a época moderna facíao a partir dun ascenso, procedente doutra diocese española o que, salvo contadas excepcións, marcaba unha radical diferenza coas sés das outras catro dioceses galegas, que actuaban a miúdo como puntos de inicio da carreira episcopal.

A diocese era extensa ―máis de cento cincuenta quilómetros dun extremo ao outro―, pero sobre todo fragmentada: máis dun milleiro de parroquias repartidas por un terreo montañoso e mal comunicado. Santiago era, amais, a cabeceira metropolitana dun terzo das dioceses da coroa de Castela e dela dependían directamente varias vigairías en León e Zamora.

Dende o Concilio de Trento ata 1840, a procedencia foránea dos arcebispos composteláns foi unha característica común a case todos eles, como tamén a súa ascendencia nobiliaria ou fidalga. A súa posición socialmente dominante e o poder que ostentaban estes prelados sustentábase sobre a base dos privilexios recibidos no transcurso dos séculos medievais ―como o título de capeláns maiores da capela real― e aínda ese poder saíu reforzado, xunto coa súa autoridade episcopal, tras a reforma tridentina do século XVI. A todo isto axudaba a enorme e complexa base económica da sé, xustificada polo culto xacobeo e construída sobre un inxente fluxo de rendas de diverso tipo que chegaban á cidade ―en particular, o Voto de Santiago―, e que situou á mitra compostelá entre as tres máis ricas de Castela, só superada na altura por aquelas que recibían os arcebispos de Sevilla e Toledo.

Até a fin do Antigo Réxime, o arcebispo de Santiago estivo en Galicia na cimeira do poder señorial. Malia que a figura destes prelados, príncipes no secular e no eclesiástico, puidera parecer afastada do pobo, tamén se facían presentes na vida cotiá tanto dos vasalos do seu dominio xurisdicional, como na dos restantes veciños da arquidiocese, pola vía vicaria. É dicir, mediante o recurso frecuente a vigairos, visitadores e bispos auxiliares, así como a través dunha retícula de organismos subalternos de carácter xudicial, fiscal e relixioso encargados de transmitir a imaxe do poder da Igrexa do apóstolo, cuxos dereitos e privilexios eran, á súa vez, celosamente custodiados e defendidos polo cabido metropolitano.

Durante a época moderna, houbo arcebispos ausentes, outros máis pendentes das súas responsabilidades cortesás e outros que, cinxíndose a un exercicio do poder máis burocrático, se limitaron a cumprir coas súas obrigas. Mais sobresaíron tamén arcebispos que permaneceron á fronte da arquidiocese quer polo seu tempo quer pola concepción da alta misión que lles correspondía. Estes últimos desenvolveron unha amplísima actividade que se traduciu en facetas diversas, pero sempre ligadas á promoción da mitra arcebispal, á exaltación dos seus titulares e do seu poder.

Algúns dos arcebispos composteláns, como frei Antonio de Monroy, estaban dispostos a pelexar pola súa preeminencia e manifestábano sen disimulo. Así, aparecían perpetuamente enredados en preitos, agres polémicas co cabido, con alcaldes e oidores excomungados, coas autoridades rexias, co propio monarca e cantos ousaran cuestionar a súa supremacía ou a do papa. Algúns compartiron postulados, senón na defensa da supremacía pontificia, si no reforzamento do poder episcopal, e sen ser tan belixerantes, tiveron numerosos enfrontamentos co cabido e o clero, que serían resoltos na década de 1740 por don Caetano Xil Taboada. Abriuse entón un novo período de relación co poder que culminaría coa sinatura do concordato de 1753, no reinado de Fernando VI, e co regalismo carolino que o seguiu, e que en Santiago representarían don Bartolomé Raxoi e frei Sebastián Malvar.

Todo isto comezou a esboroarse cando algúns deputados das cortes de Cádiz reclamaron que se desterrase da nación o sistema de dominio feudal que tiranizaba a moitos pobos da península e, particularmente, aos do reino de Galicia, iniciando así o debate previo ao decreto de abolición dos señoríos en 1811. Pouco despois, seguían o mesmo camiño as rendas que converteran á mitra compostelá na terceira máis rica da coroa de Castela durante o Antigo Réxime. As piruetas do cabido intentando perpetuar o voto, facéndoo pasar por renda real ou eclesiástica segundo mellor conviñera, non valeron de nada. Desposuídos da súa enorme riqueza, a abolición do réxime señorial privará tamén aos arcebispos composteláns dunha dimensión xurídica e política que se agravou aínda máis co traslado da capital provincial á Coruña en 1834. Para culminar a desfeita, tras o concordato de 1851 a sé arcebispal perdeu os territorios e a condición de metropolitana das dioceses de fóra de Galicia, o que, sen ter unha repercusión material significativa, tiña unha forte connotación histórica.

En suma, no medio das contendas bélicas e das loitas políticas, a sé apostólica e metropolitana de Santiago de Compostela perdeu, durante a primeira metade do século XIX, case todos os elementos de poder simbólico que os seus prelados acumularan dende a época de Diego Xelmírez e que a distinguían e erguían entre as demais Igrexas de España. O deterioro económico significaba a drástica redución, senón a paralización, dos proxectos e actividades que antes impulsaran os arcebispos, se ben ―á sombra do apóstolo― conseguiron manter unha considerable influencia ideolóxica nunha cidade en letarxia, adormecida e dominada polos sectores tradicionalistas e conservadores.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:

BARREIRO MALLÓN, Baudilio (2002). «La diócesis de Santiago en la época moderna». En García Oro, J. (ed.). Iglesias de Santiago de Compostela y Tuy-Vigo. Historia de las diócesis españolas 14. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos, pp. 177-408.

BARRIO GOZALO, Maximiliano (1985). «Perfil socio-económico de una élite de poder (III): Los obispos del reino de Galicia (1600-1840)». Anthologica annua, 32, pp. 11-107.

EIRAS ROEL, Antonio (1997). «El régimen señorial en Galicia a finales de la Edad Moderna: evaluación». Obradoiro de Historia Moderna, 6, pp. 7-46. DOI: https://doi.org/10.15304/ohm.6.498

DUBERT, Isidro (2010). Bartolomé Rajoy y Losada, arzobispo y señor de Compostela. Vigo, Santiago de Compostela: NigraTrea, Consorcio de Santiago.

GARCÍA CORTÉS, Carlos (2012). Episcopologio moderno de la Iglesia compostelana: arzobispos de Santiago, 1751-2011. Aranjuez, Madrid; Santiago de Compostela: Xerión, Arzobispado de Santiago de Compostela.

GONZÁLEZ LOPO, Domingo L. (1998). «El alto clero gallego en tiempos de Felipe II». En El reino de Galicia en la monarquía de Felipe II, editado por Antonio Eiras Roel. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pp. 313-343.

REY CASTELAO, Ofelia (2006). Los Mitos del Apóstol Santiago. Santiago de Compostela, Gijón: Consorcio de Santiago, NigraTrea.

SUÁREZ GOLÁN, Fernando (2011). El Arzobispo Fonseca: una saga de ambición, poder y cultura. Vigo, Santiago de Compostela: NigraTrea, Consorcio de Santiago.