“Entre Annales e o conceptualismo alemán: os conceptos como ferramenta histórica”
Autores: Migués, Víctor Manuel
Ano: 2022
Eduga. Revista Galega do Ensino, 83 (2022). ISSN: 2340-7654
Neste artigo, o profesor Migués, profesor da USC e membro do GIHM, desenvolve unha serie de ideas moi pertinentes en relación ao debate recente sobre os contidos curriculares da Historia e, especialmente, o papel da Historia Moderna nos mesmos como período nodal á hora de desenvolver conceptos.
Nese senso, o artigo lembra que a reactualizada tendencia a formular a investigación e o ensino histórico afastado do estrito canon cronolóxico, atopou no paradigma Annales unha pauta alternativa e rigorosa. Pero, a maiores, Migués sinala a importancia do “conceptualismo alemán” á hora de valorizar o uso dos conceptos como ferramentas nodais para enfoques suplementarios, tanto en clave temática, coma filosófica e mesmo comparativa.
No artigo que acaba de ser publicado en Eduga, Víctor Manuel Migués presenta perspectivas e camiños que facilitan a análise da Historia desde o prisma conceptual, tanto no ámbito pedagóxico como, colateralmente, de forma interpretativa.
O profesor coruñés argumenta o seu artigo tamén en base á experiencia docente en primeira persoa, dado que nos últimos anos foi docente na materia “Conceptos fundamentais das Ciencias Humanas e Sociais” (1º curso do grao de Historia da USC), e tamén na materia “Ciencias Sociais e Educación II”, no Mestrado de Secundaria. En ambas póñense en práctica algunhas experiencias e ideas que o autor propón neste artigo e que, segundo afirma, son pertinentes de ser valoradas tanto na práctica docente universitaria como na dos ensinos medios. Moi especialmente no relativo a unha docencia transversal ou “diagonal” da Historia; que segundo apunta Migués, é unha práctica esencial para que os alumnos aprendan a “pensar historicamente”.