Ir ao contido principal

Recensión do libro “El Banco de San Carlos en Galicia (1783-1808)”

 

Camilo J. Fernández Cortizo, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela

 

Banco de San Carlos en Galicia (1783-1808), Periferia financiera, plata hispánica y final del Antiguo Régimen monetario é a primeira monografía publicada por Francisco Cebreiro Ares e constitúe, así mesmo, o primeiro estudo en profundidade do desempeño da banca central española nun territorio periférico antes do século XIX. 

A obra susténtase no baleirado sistemático da correspondencia remitida polo director da oficina do banco na Coruña aos seus superiores en Madrid (2.503 cartas, aproximadamente, una cada tres días naturais ao longo de 25 anos), depositada actualmente  no arquivo do Banco de España. Creado en 1782, por designación do rei Carlos III a instancias dun sindicato de banqueiros españois e franceses, o Banco de San Carlos supuña o primeiro intento de ofrecer servizos financeiros centrais aos clientes e ás empresas de todo o territorio español. O resultado, quizais bastante sorprendente para un territorio como Galicia, é o movemento de case 600 millóns de reais de vellón moeda metálica ao longo de máis de dúas décadas.

A obra está organizada en sete capítulos que, xunto cunha introdución e unha conclusión, representan tres partes diferenciadas. 

Na primeira parte, composta pola introdución, o autor informa ao lector dos elementos que considera indispensables para a comprensión do seu traballo. A saber:  a situación de Galicia á altura da fundación do banco (1782), os rudimentos básicos do sistema monetario-financeiro hispánico e, finalmente, as circunstancias que poderían explicar a creación da oficina na Coruña. Unha segunda e unha terceira parte conforman a medula da obra, xa que, en esencia, versan sobre o auxe e a caída da sede da Coruña, anticipando, dunha forma quizais máis rica e detallada, a sorte xeral que ía a correr o propio Banco de San Carlos en Madrid. Finalmente, nas conclusións, faise un balance contable do desempeño da oficina para inferir algunhas hipóteses substanciais sobre a circulación monetaria no país e as políticas das clases dirixentes en Madrid. 

O auxe da oficina de San Carlos na Coruña a partir de 1783 baseouse en dous alicerces principais. Por unha banda, na existencia dos Correos Marítimos que conducían as remesas da actividade mercantil das compañías dúplices en América Latina e a existencia dun acordo, descoñecido até a data, entre os comerciantes afectados, a Renda de Correos, e o propio banco para que este se fixese responsable dos caudais no porto galego, e dos pagos en Madrid e Cádiz. Isto permitía á institución bancaria beneficiarse da reexportación de pesos de prata aos mercados europeos. Doutra banda, a oficina ofreceu aos particulares transferencias a través de letras de cambio cara diversos puntos da xeografía europea, pero principalmente a Madrid, cun tipo moi barato do 0.5%. Como resultado, o autor argumenta que o nivel de drenaxe de capitais cara á capital alcanzou cotas moi altas. Esta orde de cousas mantívose con beneficios para o banco aproximadamente entre 1786 e 1792. 

A partir de 1792, coas guerras contra a Francia revolucionaria e, posteriormente, contra Inglaterra, a arquitectura deseñada polo banco naufraga debido a una conxunción de diversos factores que o autor reflicte para o caso galego. En primeiro lugar, a debilidade do equilibro con Francia e a dificultade para achegarse a un acordo financeiro a través do mercado británico. Este proceso víase ameazado pola competencia dos veciños portugueses, que nas últimas décadas viñan sendo os socios preferentes para os británicos na área. En segundo lugar, pola propia política do banco, coa caída do seu primeiro director (Francisco Cabarrús) e os intereses do novo ministro de Facenda (Lerena), por absorber recursos financeiros do banco. A diferenza do practicado nos primeiros anos, tras a saída de Cabarrús, o banco irá facilitando tramos cada vez máis importantes de crédito ás arcas reais. En terceiro e último termo, a evolución monetaria do país depreciarase de maneira acelerada pola interrupción do comercio americano, a canalización de recursos cara o exterior en forma de débeda, e a inestabilidade dos propios títulos en papel da Monarquía, tal e como sucedera cos assignants en Francia. A obra de Francisco Cebreiro é especialmente ilustrativa no que a estes títulos de débeda se refire, os Vales Reais, achegando unha serie de cotizacións locais na Coruña e moitos aspectos cualitativos sobre a súa negociación.

Tras a superación das guerras, a paz de Amiens (1802) vai traer consigo o que o autor denomina como “optimismo monetario”, consistente no espellismo de poder reconstruír as relacións previas á guerra e que, si tamén foi auspiciado por algúns negociantes e dirixentes, disiparíase moi rápido. A deterioración dos negocios da oficina e, en xeral, de todo o panorama español será moi acelerado. No caso galego, este proceso está simbolizado pola morte repentina do director histórico da oficina –Mendinueta– e a súa substitución polo subdirector –Marcial do Adalid–, fundador dunha importante saga de burgueses coruñeses. Esta substitución encarnaría un cambio no carácter dos negocios e Adalid tentará resolver sen éxito a situación a través de negociacións algo máis arriscadas con Londres e Madrid, nas que participará outro personaxe coñecido da cidade herculina: Juan Francisco Barrié.

As conclusións ás que chega o autor, tras o repaso dun aparello estatístico de envergadura, apuntan principalmente en tres direccións. En primeiro lugar, a que o banco foi un mecanismo institucional refinado para lograr o que se viña facendo durante os últimos tres séculos, é dicir, manter con beneficio a circulación internacional da prata. En segundo lugar, a que este proceso se fusionou coas características particulares da economía do territorio, conducindo a un traspaso de capitais que non faría outra cousa que incrementarse, dado que os directores do banco buscaron o seu propio beneficio mantendo un prezo das transferencias artificialmente baixo, cando as condicións económicas xa cambiaran. En terceiro lugar, a que o banco foi incapaz de adaptarse ao novo escenario monetario europeo xurdido a partir da paz de Amiens (1802), o que confirmaba o inicio dunha era de dominio británico.

 

REFERENCIA BIBLIOGRÁFICA:

Francisco Cebreiro Ares, El Banco de San Carlos en Galicia (1783-1808): Periferia financiera, plata hispánica y final del Antiguo Régimen monetario, Éditions Hispaniques, París, 2020. ISBN: 978-2-85355-107-6.