Ir ao contido principal

Recensión do libro: “Gañar a vida cruzando a raia: emigración galega a Portugal, séculos XVI-XIX”

Francisco Cebreiro Ares, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela

En novembro de 2005, cando a Cátedra UNESCO (226) sobre Migracións da USC, daba o prelo as actas dos IV Coloquios en Compostela, os seus responsables apuntaban no seu limiar: “No caso das migracións “históricas” eliximos o tema da emigración galega a Portugal debido a que os estudos referidos a este fluxo migratorio ao longo da Idade Moderna son pouco numerosos e, salvo escasos precedentes como o clásico de Meijide Pardo de 1960, inexistentes entre os modernistas galegos até finais dos anos oitenta, podendo afirmarse que o seu inicio arrinca coa celebración en Poio do IV Coloquio de Metodología Histórica Aplicada (1989). Por outra banda esta escaseza de investigación galegas é paralela á existente no caso dos historiadores lusos, malia a riqueza de fondos existentes no país veciño” (Hernandez Borge y González Lopo, 2007).

Tres lustros despois, a situación ten mudado de xeito sensible, e son moitos os esforzos realizados, tanto por investigadores portugueses como españois, para aclarar este capítulo da mobilidade galega, tal e coma anota o profesor C. Fernández Cortizo no capítulo que abre o libro. Porén, cada vez máis, resulta evidente a necesidade de facer un balanzo, así coma de promover unha coordinación entre os esforzos feitos a ámbalas dúas bandas da fronteira coa fin de enriquecer o resultado das investigacións que se están a levar a diante. O libro presentado é resultado desde obxectivo, froito do seminario especializado organizado en outubro de 2019 polo seus autores desde o GIHM: Gañar a Vida, salvar a Vida: Traballadores e exiliados galegos en Portugal (XVI-XIX). Os resultados que se presentan contribuirán, sen dúbida, a consolidar os xa existentes e a abrir novas expectativas de futuro.

Formado por nove estudos, estes organízanse de xeito temático en tres partes. Tralo inicio cun interesante estado da cuestión por C. Fernández Cortizo sobre a emigración galega a Portugal, seguen os traballos que abordan a mobilidade transfronteiriza entre os dous territorios (Mª A. Verea Castelo, A. Botão Rego, C. Fernández Cortizo, E. Pires de Oliveira, y M. A. Pereira Couto), aqueles que prestan atención aos diversos modelos migratorios nados a partir das múltiples actividades laborais desenvolvidas polos galegos en territorio luso (texeiros, pescadores, vendedores, canteiros, carpinteiros, organistas, xornaleiros agrícolas, criados…), e remata cos estudos sobre as migracións que desembocan nos dous principais centros urbanos do país veciño: Porto y Lisboa (J. Fernandes Alves, H. Sobrado Correa y D. L. González Lopo).

Todos eles son traballos fundamentalmente centrados nos séculos XVIII e XIX, momento álxido da emigración galega a Portugal, e neles emprégase unha gran variedade de fontes documentais, tanto galegas como, especialmente, portuguesas: arquivos parroquiais, censos de poboación municipais e nacionais, pasaportes internos, rexistros hospitalarios e carcerarios, documentación fiscal, notarial, literaria, libros persoais e reais de legos do Catastro de Ensenada, prensa periódica… O obxectivo deste esforz é o de ofrecer unha imaxe ampla da diversa realidade resultante –demográfica, económica, política, xudicial, social e cultural–, da intensa presencia da poboación galega nos diversos ámbitos do mundo portugués.

Estamos, pois, diante dun libro que se fai eco da experiencia de máis de catro décadas de investigación sobre a migración galega a Portugal, e que ven ampliar o noso coñecemento sobre o fenómeno, ao tempo que sinala as liñas de futuras pescudas sobre un capítulo da mobilidade das xentes do noroeste, que ten aínda moitas áreas de estudo por percorrer. De aí o seu enorme interese, non so para a historia galega, senón tamén para comprender outros capítulos da historia portuguesa, e en xeral, da historia das sociedades europeas. 

En suma, un libro que amosa a necesidade de intercambio de experiencias e de colaboración entre investigadores que traballan a ámbolos dous lados da raia para deste xeito acadar un coñecemento máis amplo do fenómeno e das súas consecuencia en ámbolos dous territorios.

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:

HERNANDEZ BORGE, J. y GONZALEZ LOPO, D. L. (coords.), Pasado e presente do fenómeno migratorio galego en Europa, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2007.

FERNÁNDEZ CORTIZO, C.; GONZÁLEZ LOPO, D. L. y SOBRADO CORREA, H. (eds.), Gañar a vida cruzando a raia: emigración a Portugal, séculos XVI-XIX, Santiago de Compostela, Alvarellos, 2020 [ISBN: 978-84-16460-95-3].