Recensión do libro “Madriñas de brazo, padriños de pía…”

Pegerto Saavedra Fernández, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela
O libro da historiadora Tamara González López, titulado Madriñas de brazo, padriños de pía: apadriñamento e bautismo no suroeste da provincia de Lugo (séculos XV-XIX), publicado en 2018, é un texto breve, pero moi substancioso, fermoso polo título e, dende logo, polo contido. Elaborado a partir da consulta dos libros parroquias de sete freguesías dos concellos de Chantada e Carballedo, elixidas con rigorosos criterios metodolóxicos, atendendo ás características xeográficas, agrarias e socio-profesionais, e de outra documentación variada, caso das constitucións sinodais, na investigación queda de manifesto a caudalosa e interesante información que unha investigadora nova, pero moi competente e preparada, é capaz de sacar de fontes que á primeira vista ofrecen só uns datos puntuais da vida de mulleres e homes, presentados de maneira bastante estandarizada.
En efecto, nunha sociedade confesional, na que non se podía –e case ninguén quería– vivir fóra da Igrexa, nos libros sacramentais quedan rexistrados tres momentos decisivos da traxectoria das persoas: o bautismo, cando as criaturas se incorporan a comunidade parroquial; o matrimonio, cando a maioría das mozas e mozos tomaban estado, e as defuncións, cando remataba a carreira neste mundo dos que un día foran levados a pía bautismal e lles chegara a hora de ir a descansar dentro do templo que frecuentaran ou no camposanto que o circundaba. Agora ben, se bautismo, matrimonio e enterro eran actos relixiosos, tiñan ao mesmo tempo un decisivo compoñente social, pois servían para tecer redes e relacións familiares e veciñais a miúdo dentro da parroquia, a institución máis importante para entender a vida comunitaria en Galicia.
Na obra que comentamos, Tamara González utilizou principalmente os libros de bautizados para estudar as prácticas seguidas na administración do bautismo, o apadriñamento e a onomástica, desde mediados do XVI, cando comezan os rexistros máis antigos, ate principios do século XX, e compara as usanzas concretas coas normas das constitucións sinodais, que tiñan algunhas diferenzas dunha diocese a outra. No tocante ao bautismo, destaca o feito de que se vai acurtando o prazo desde a segunda metade do XVI, cando as criaturas eran levadas a pía case unha semana despois de ter nacido, ate fins do XIX, cando a cerimonia adoita facerse no mesmo día ou no seguinte. Se transcorren seis ou sete días desde o nacemento ao bautismo solemne resulta claro que unha proporción descoñecida, pero significativa, das criaturas morreu sen ter chegado a pía parroquial, aínda que eses mortinatos eran acristianados na casa por unha persoa –un veciño ou unha parteira– que contaba coa oportuna licencia do reitor parroquial para subministrar a auga de socorro ou bautismo de necesidade, para que o inocente tivese funeral de Gloria, como correspondía a quen ía directamente ao ceo.
No tocante ao apadriñamento, a autora destaca a importancia das relacións que se establecían a traveso da elección das persoas que destinadas a ser madriña e padriño do novo membro da comunidade parroquial. Ate non fai tanto tempo, no mundo rural os padriños tiñan un papel protector do afillado, e trato de familia, como compadres e comadres, cos seus pais. Do apadriñamento múltiple, que prohibe o concilio de Trento, porque daba orixe a un largo parentesco espiritual, pásese ao máis limitado, de padriño e madriña, o dominante con diferenza nos séculos XVII-XIX, sen que falten os casos do recursos a un padriño ou a unha madriña, práctica que aumenta algo no século XIX, cando as meirandes taxas de supervivencia dos nados obrigan a buscar máis padriños. Tamara González estuda moi polo miúdo os apadriñamento extensivo –padriños diferentes para cada fillo–, intensivo –o mesmo padriño e madriña para todos os irmáns–, e mixto; a orixe social e vecindade dos padriños e a relacións de parentesco entre madriña e padriño e entre estes e os pais dos bautizados, demostrando a consolidación da tendencia a escoller os padriños entre os membros da propia familia, para reforzar os lazos de parentesco, co que isto implicaba nos terreo das axudas en traballos agrarios e noutras necesidades.
O mesmo rigor está presente nas interesantes páxinas dedicadas ao estudo da onomástica, que non se reduce a unha simple cuantificación dos nomes impostos ás nenas e nenos na cerimonia bautismal. Este aspecto tamén está ben tratado na longa duración –desde Trento a principios do século XX–, atendendo a difusión da práctica de impoñer dous ou tres nomes ás criaturas. Pero, a maiores, Tamara González investiga, por así dicilo, o orixe dos nomes concretos buscando a súa relación cos dos antepasados do persoa bautizada –pais, avós, etc.–, cos da madriña e padriño, co santo do día, co patrón da parroquia, coa presenza de algún santuario concorrido, coa chegada de novos santos, etc. Deste xeito, explica de modo coherente os cambios nos nomes, e as causas que están detrás, que non sempre son simples, pois uns nomes enraízan e outros que non, o que indica que a comunidade non se limitaba a aceptar sen máis todo o que en materia de devocións lle propoñía o clero. Engadamos aínda que a autora non se esquece de estudar o apadriñamento e a onomástica dos fillos de solteira e dos expósitos.
Polo que, de modo moi resumido, queda dito, este libro constitúe unha importante novidade na historiografía galega, unha verdadeira primicia. No seu momento, o orixinal gañou o X Certame de Investigación Condado de Pallares, e con posterioridade, Tamara González recibiu outras distincións, como VII Premio Jóvenes Investigadores que concede a Fundación Española de Historia Moderna (2019). En 2018 defendeu a súa Tese Doutoral, no marco do Doutorado Europeo, despois dunha estadía na École des Hautes Études en Sciences Sociale (EHESS) de París e na Universidade da Sorbona, e en pouco tempo este interesante traballo aparecerá en forma de libro. Non estamos pois diante dunha promesa, senón dunha historiadora nova, pero que xa acreditou con largueza a súa capacidade intelectual e de traballo; que é honra da súa familia e terra e ao tempo garantía da continuidade e renovación das investigacións sobre o pasado de Galicia.