Ir ao contido principal

Seminario do Obradoiro de Historia Moderna: Cultivos americanos, transformacións agropecuarias e implicacións do desenvolvemento do seu comercio en Europa e América, séculos XVI-XX

 

CULTIVOS AMERICANOS, TRANSFORMACIÓNS AGROPECUARIAS E IMPLICACIÓNS DO DESENVOLVEMENTO DO SEU COMERCIO EN EUROPA, SÉCULOS XVI-XX

Seminario do Obradoiro de Historia Moderna – GDRI-AAA
Organiza: G.I.H.M. da Universidade de Santiago de Compostela
Santiago, 11-13 octubre 2017

 

Responsábeis: 

Pegerto Saavedra (pegerto.saavedra@usc.es) & Isidro Dubert (isidro.dubert@usc.es)

 

A chegada dos cultivos americanos a Europa en distintos intres da época moderna desencadeou importantes transformacións agropecuarias e alimentarias. Á súa vez, estas tiveron destacadas implicacións –quer no eido demográfico, económico, social, quer no paisaxístico- naqueles lugares onde os citados cultivos foron asumidos pola poboación. Aínda que o estudo da súa difusión conta cunha longa tradición, e dentro dela con traballos que hoxe poden considerarse clásicos, non se pode dicir que o tema pérdese actualidade ou relevancia. Abonda con atender ó acontecido no último congreso internacional Old and New Worlds. The Global Challenges of Rural History (Lisboa, 27-30 xaneiro 2016). Tampouco  se pode dicir que o tema estea definitivamente fechado e, en consecuencia, que non sexan necesarias novas investigacións, as que deberan abordarse dende unha perspectiva integrada, comparada e na longa duracións.

Partindo desta base, nas distintas sesións programadas pretendemos discutir ó redor de dous grandes problemas asociados á chegada dos cultivos americanos.

 

1. O impacto dos cultivos americanos nos diferentes sistemas agropecuarios e alimentarios de Europa.

 a) Os traballos presentados nesta sección poderán abordar todo o referido ós procesos de difusión das plantas americanas nos complexos tecnolóxicos agropecuarios preexistentes e os cambios que causaron neles, os que, moitas veces, afectaron os seus diferentes compoñentes, é dicir, á totalidade das súas partes (i.e., relacións agricultura / gandería; terras de cultivo / terras incultas; viticultura / produción de cereais, etc). Á súa vez, estas cuestións serán analizadas na longa duración, a fin de ver as posíbeis mudanzas que se produciron na calidade e produtividade das plantas, no seu uso (caso, por exemplo, das destinadas ó consumo humano baixo as máis variadas formas , forraxe, etc.), ou nas técnicas de cultivo e nos saberes agrarios.

b) Tamén serán obxecto de atención os diferentes contextos agropecuarios e sociais nos que se difundiron os novos cultivos, como por exemplo, a inexistencia previa ou non dun policultivo e dunha tradición de continua incorporación de plantas (i.e., Flandres fronte ós territorios con monocultivo de cereais e barbeito); o predominio de pequena ou da grande explotación; a influencia das formas de posesión da terra, que puideran limitar ou non a iniciativa dos agricultores (con cesións a longo prazo, por rendas proporcionais ou fixas, en especie ou en cartos); o interesante caso da aparecería, especialmente na Italia central e do norte; ou a influencia desigual das novas plantas nos ingresos dos grandes propietarios de terras ou rendistas.

c) Así mesmo, atenderase ó papel que os novos cultivos desempeñaron na alimentación humana e animal na longa duración. Isto significa non perder de vista as desiguais resistencias segundo os medios agropecuarios (os que estaban ligados e condicionaban os sistemas alimentarios anteriores), sociais e épocas; os cambios na preparación dos alimentos; incorporación progresiva de novas plantas para a alimentación (pementos, tomates, froitas; produtos consumidos, pero non cultivados: tabaco, cacao …); ou o impacto dos novos cultivos nos niveis de vida, na mortalidade ou na esperanza de vida e, en xeral, nos comportamentos demográficos.

2. As implicacións da chegada das novas culturas americanas no comercio, industria e consumo.

Nesta sección serían varias as cuestións que poderían ser estudadas, visto a chegada dos novos cultivos a Europa provocou o desenvolvemento de novos mercados para estes produtos e, en consecuencia, o nacemento de novos sectores económicos, quer no mundo do comercio quer na industria local, cuxas futuras inercias dependeron das novas pautas de consumo que un e outra foron capaces de impulsar a sociedade da época.

A respecto disto, sería interesante, por exemplo, achegarse os efectos que no plano industrial e comercial tivo o desenvolvemento do comercio de importación de produtos americanos e os cambios que introduciu na sociedade e na economía de Europa e América. Do mesmo xeito, atender á forma na que xurdiu, e unha vez que ese cultivos americanos foron asumidos para si por un determinado territorio europeo, a súa exportación a terceiros países e como esa exportación tivo unha certa relevancia na vida económica e social dese territorio (i.e., as exportacións de millo dos comerciantes galegos a Irlanda durante as décadas de 1840 e 1850, e o papel que estas xogaron a diferentes niveis no seo da sociedade e da economía galega da época).

Na mesma liña, cabería considerar o sucedido a este nivel naqueles territorios americanos dende os inicios do século XVI se converteron en lugares de exportación sistemática de produtos locais para Europa. Un comercio que comezou no marco dun sistema de explotación e dominación colonial, mais que a media que pasaban os séculos XVIII e XIX desembocou  na formación de grupos sociais ligados ó comercio de exportación e a industria local: as súas claves, características, mercados, o seu comportamento no medio e longo prazo …., serán obxecto de interese.

En suma, a formación e funcionamento deste comercio, os mercados que xeraron, as mudanzas que estes coñeceron no medio e longo prazo, a industria que naceu ou se derivou dese comercio, as implicacións que isto tivo no eido do consumo, as súas mudanzas, tendencias, implicacións económicas e sociais, serán o obxecto dos traballos presentados nesta sección.