Unha ollada á pandemia do covid dende a Historia

Isidro Dubert, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela
No mundo da epidemioloxía o covid non é algo novo. A súa aparición ven precedida pola entrada en escena de numerosas enfermidades infecciosas, como o évola (1976), a sida (1981), a gripe aviaria (1997) ou a gripe porcina (2009), a maioría das cales non chegaron a acadar o grao de pandemia. Mais, na súa orixe, esa entrada en escea foi unha verdadeira sorpresa para a OMS, en particular, a do sida, xa que a finais da década de 1960 os responsábeis deste organismo fartáronse de afirmar que coa definitiva erradicación da varíola as enfermidades infecciosas xa desapareceran do mundo. Polo que a partir dese intre foron presentadas como algo máis propio da Idade Media que da Modernidade.
Porén, a actual escalada no tempo destas, e outras, enfermidades infecciosas ven da man do progresivo quecemento climático o cal crea un ambiente favorábel para o seu desenvolvemento. Así o teñen demostrado os historiadores do clima e máis os das mencionadas enfermidades infecciosas, ao amosar como a medida que se materializaba a Pequena Idade Glacial (circa. 1300-1850) a aparición destes males tendía a espaciarse no tempo e, mesmo, a desaparecer. Abonda con pensar no ocorrido coa peste, definitivamente desaparecida como pandemia en Europa após de mediado o século XVII –en coincidencia cunha fase de forte arrefriamento climático coñecida como o Mínimo de Maunder (1645-1715)–. En adiante, o problema ficaría reducido a ser un fenómeno local (véxase o sucedido nos casos das pestes de Londres,1675, ou de Marsella, 1720).
Ao remate da Pequena Idade Glacial, cara a mediados do século XIX, iniciouse unha nova fase climática, caracterizada polo quecemento, por unha imparábel suba das temperaturas medias. Detrás dela atopábase, e se atopa, a paulatina e progresiva emisión de CO2 debida ao desenvolvemento das diferentes formas que dende entón asumiu a industrialización nos distintos países. Este quecemento está pois en boa medida na orixe dos actuais males infecciosos.
Da rápida propagación dos mesmos podemos facernos unha rápida idea con só pensar na covid, a cal foi posíbel grazas á actual interconexión e relativa inmediatez das comunicacións, que permiten enormes e continuos desprazamentos de poboación e mercadorías dunha punta a outra do mundo en períodos de tempo moi curtos. En termos relativos, algo semellante sucedía tamén ao remate da primeira Idade Moderna: a peste bubónica de 1598, que entrou na Península Ibérica polo porto de Santander en decembro de 1597 nunha nave infectada chegada de Flandres, fíxose presente e comezou a golpear forza inusitada ás poboacións do norte e centro peninsular a partir da primavera de 1598, logo duns meses nos que o mal actuou a baixa intensidade debido á friaxe do inverno.
[Fonte: Wikimedia Commons]
Mais a velocidade de transmisión dos males infecciosos, como a súa extensión xeográfica, impacto epidemiolóxico e consecuencias económicas e sociais, aceleraríase coa mellora e o avance das comunicacións. No caso da gripe española de 1918-19, ou da gripe rusa de 1889-90, por exemplo, a enfermidade saltou dos animais aos humanos; atacou o aparello respiratorio; desenvolveuse en tres vagas sucesivas –aínda que non por esta orde: unha a finais do inverno-comezos da primavera, outra no outono e unha última no ano seguinte a súa aparición–; desas tres vagas, a segunda adoitou ser sempre a máis letal; os menos favorecidos socialmente foron sempre os máis afectados pola incidencia da enfermidade; e esta acadou unha dimensión global en pouco tempo. Ao respecto, a gripe de 1889-90, nacida no interior de Rusia, expandiuse por toda Europa en seis semanas e chegou ao resto do mundo en só seis meses, en tanto que, dende un punto de vista social, a gripe de 1918-19 matou a máis xente nos países que tiñan un sistema sanitario deficiente –como por exemplo os do sur de Europa–, que naqueles que contaban cunha boa sanidade, onde a mortaldade só foi maior á media nos sectores sociais que ficaron excluídos da mesma.
As pandemias de gripe e covid teñen en común, ademais, a resposta que as autoridades sanitarias dos distintos países lles deron: confinamentos da poboación na casa, feche de territorios, cidades e rexións, limitacións e control da mobilidade entre eles, prohibición de actos públicos masivos… Unhas medidas que, curiosamente, non son moi diferentes, salvando as distancias e o contexto histórico, claro está, ás que as autoridades deron ás diferentes pandemias ao longo da Idade Moderna, como tampouco o son as implicacións ideolóxicas e sociais que se agochan trala aplicación destas ou daqueloutras medidas sanitarias para palialas e, xa que logo, das liortas entre os distintos grupos políticos que pulan pola posta en vigor dunha ou doutra política sanitaria.
A respecto disto, o historiador Jordi Nadal, ao estudar a forma de combater as enfermidades infecciosas nas cidades catalás aos comezos do século XIX, atopaba que detrás das polémicas e enfrontamentos entre os partidarios de fechalas mediante aplicación dun cordón sanitario, como sempre se tiña feito, ou de pór en práctica medidas de maior calado sociosanitario, atopábanse os vellos enfrontamentos entre os partidarios do Antigo Réxime, dunha sociedade de “orde”, e os liberais, defensores dunha sociedade que rachase dunha vez e para sempre con esa orde estamental.
Polo demais, dende un punto de vista histórico as pandemias teñen a “virtude” de pór de manifesto as contradicións económicas e sociais que existen no seo das sociedades que as padecen. Sen ir máis lonxe, a covid sacou á luz en España, en xeral, e en Galicia, en particular, as deficiencias dun sistema de saúde que se nos presentaba como avanzado e universal, debido, en boa medida, ás importantes privatizacións que coñeceu nas últimas décadas.
Igualmente, a pandemia puxo de manifesto as limitacións que posúe unha economía centrada dende hai anos nos servizos, cun grande peso nela do turismo e a case que total ausencia dun tecido industrial e tecnolóxico moderno e de futuro; o pretendido acceso “democrático” á Web, aos medios informáticos, ou á chamada “alfabetización dixital”, e tras o que se agocha a unha sociedade de relativo benestar asentada sobre a existencia dunha fonda brecha social; a suposta modernización das relacións laborais ou do mundo cultural peninsular, marcada, no primeiro caso, por novas formas de explotación e dominación económica e social; o importante rol que nun suposto futuro informatizado e tecnificado xogarían os “milenials”, ou os integrantes desas xeracións creadas polos medios, a “X”, “Y”, “Z” ou “V”, definido hoxe, e é de supór que nese vindeiro futuro, polos efectos dunha forte precarización laboral…
En suma, unhas contradicións que, como historiadores, sabemos que poucas veces máis volveran a manifestarse dun xeito tan claro e nidio, cando menos, até a próxima pandemia que os novos virus, ou a mutación dos xa existentes, traerán consigo no marco do actual quecemento climático global.
REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
BIRABEN, J.-N., Les hommes et la peste en France et dans les pays européens et meditarrenéens, tomo 1: La peste dans l’histoire, Paris-La Haye, Ed. Mouton, 1975.
DEFOE, D. (2020), Diario del año de la peste, Madrid, Alba.
ECHEVERRI DAVILA, B. (2018), “En el centenario de la gripe española: un estado de la cuestión”, Revista de Demografía Histórica, 1, pp. 17-42 (https://www.adeh.org/revista/2018,%201/1%20Echeverri%20RDH%20XXXVI,%201-2018.pdf).
FAGAN, B. (2014), La Pequeña Edad de Hielo. Como el clima afecto a la historia de Europa, 1300-1850¸ Barcelona, Gedisa.
GARCIA FERRERO, S. (2017), La gripe de 1889-1890, Madrid, Universidad Complutense de Madrid, pp. 25-49 (https://www.semanticscholar.org/paper/La-gripe-de-1889-1890-en-Madrid-Ferrero/7495e6e93824f4169a7817c14ac446894a0215d8).
LE ROY LADURIE, E. (2017), Historia humana y comparada del clima, México, Fondo de Cultura Económica.
NADAL, J. (1992), Bautismos, entierros y desposorios. Estudios de demografía histórica, Barcelona, Ariel.
RADKAU, J. (2008), Nature and Power: a Global History of the Environment, Cambridge. Cambridge U.P.
SÉGY, I. e ALFANI, G. (2017), “La peste : bref état des connaissances actuelles”, Annales de Démographie Hitorique, 2, pp. 15-38 (https://www.cairn.info/revue-annales-de-demographie-historique-2017-2-page-15.htm).