Skip to main content

VISUVAC, a tecnoloxía que escoita

Luis Beltrán Gamero, dereita, na entrega de premios do Programa Explorer
Luis Beltrán Gamero, dereita, na entrega de premios do Programa Explorer
VISUVAC, o proxecto dun estudante de Veterinaria do Campus Terra, gaña o terceiro premio do programa Explorer

En Galicia, as vacas son parte da paisaxe. Un símbolo social e cultural, pero tamén un motor económico. É por iso que iniciativas como VISUVAC son tan relevantes. O proxecto impulsado por Luis Beltrán Gamero, estudante de Veterinaria do Campus Terra, céntrase, en síntese, en escoitar e monitorizar a saúde do animal nunha fase moi temperá. Trátase dunha iniciativa que combina ciencia veterinaria, tecnoloxía punta e paixón polo campo para transformar a saúde do gando leiteiro desde dentro.

VISUVAC acaba de recibir o terceiro premio na recente edición do Programa Explorer, a iniciativa do Banco Santander en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE), e a participación activa da Xunta de Galicia. Este programa, con máis de 14 anos de traxectoria e presente en 12 países, está consolidado como unha potente plataforma de impulso ao talento emprendedor universitario a nivel global.

O proxecto impulsado polo estudante de Veterinaria de último ano focalízase no desenvolvemento do dispositivo Smart Vac, capaz de detectar de maneira temperá enfermidades metabólicas no gando leiteiro mediante espectroscopía de infravermello próximo (NIRS).

O proxecto naceu da inquietude do propio Luis ao coñecer de primeira man os problemas que afectan as ganderías. «Xurdiu durante as entrevistas que se fixeron aos gañadores. Démonos conta de que moitos comentaban o problema das enfermidades metabólicas e as repercusións económicas que carrexan», explica. Foi entón cando decidiu orientar o seu traballo cara a unha ferramenta práctica que puidese ser utilizada directamente a nivel de granxa para mellorar o benestar animal e a rendibilidade do sector.

Tecnoloxía de vangarda

Smart Vac emprega a tecnoloxía NIRS (Near Infrared Spectroscopy), amplamente usada en diferentes sectores industriais pola súa capacidade de análise rápida e non invasivo. «Queremos empregala para detectar compostos como os corpos cetónicos, cuxa presencia indícanos que a vaca padece de cetosis bovina, a enfermidade máis crítica dentro do grupo das metabólicas», detalla o futuro veterinario. A cetosis e outras patoloxías similares afectan gravemente á produtividade leiteira e xeran importantes perdas económicas para os gandeiros.

Luis Beltrán e estudante de Veterinaria de último ano no Campus Terra
Luis Beltrán e estudante de Veterinaria de último ano no Campus Terra

O valor engadido do proxecto radica no seu enfoque preventivo. Ao detectar de forma precoz alteracións metabólicas, o dispositivo permitirá aplicar tratamentos antes de que aparezan síntomas clínicos graves. «O obxectivo é detectar canto antes os procesos metabólicos para levar a cabo un tratamento temperán e evitar así o xurdimento de futuros problemas, como a perda de produción láctea, fallos reprodutivos ou unha maior predisposición a outras patoloxías», afirma. «Todo isto -continúa- conleva un custo económico para o gandeiro que poderemos eliminar e os animais terán mellor saúde».

Dirección clara e ordenada

En relación co recoñecemento que acaba de recibir dentro do Programa Explorer, Luis Beltrán móstrase agradecido. «Foi fundamental para asentar as bases e ter unha dirección de progreso clara e ordenada. É unha guía para aquelas persoas que queiran ir un pouco máis aló», comenta.

Ademais, reivindica o papel deste tipo de iniciativas na contorna universitaria: «Creo que é importante que se visibilicen este tipo de actividades e que teñan un respaldo económico para o seu desenvolvemento».

O recoñecemento obtido no programa Explorer non só premia a innovación tecnolóxica de VISUVAC, senón tamén o compromiso dun mozo universitario co futuro do sector agrogandeiro. De cara ao futuro, Luis Beltrán móstrase decidido a continuar perfeccionando o dispositivo e explorando vías para a súa implementación real en granxas, co obxectivo de levar a saúde animal e a eficiencia produtiva a un novo nivel.

VISUVAC é, sen dúbida, un exemplo de como a ciencia, o emprendemento e a paixón poden converxer para ofrecer solucións reais aos retos do medio rural.

The contents of this page were updated on 06.25.2025.