Skip to main content

Nace en Santiago o proxecto WELLMOBE sobre equidade na mobilidade estudantil

De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán, María José López Couso e Raúl Ríos Rodríguez. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán, María José López Couso e Raúl Ríos Rodríguez. Foto: Santi Alvite
A USC forma parte xunto con outras tres universidades europeas
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este venres a reunión de lanzamento do proxecto WELLMOBE, unha iniciativa financiada a través da 8º convocatoria SeedFunding de EUniWell, a European University for Well-Being da que a USC forma parte xunto con outras dez universidades europeas.

O proxecto WELLMOBE ten como obxectivo analizar a equidade na participación do estudantado universitario en programas de mobilidade internacional, particularmente no marco de Erasmus+. A iniciativa céntrase en dous eixos fundamentais: por unha parte, o acceso ás oportunidades de mobilidade, examinando como inflúe o perfil e as características do estudantado na posibilidade de realizar unha estancia no estranxeiro; e, por outra, os resultados desa mobilidade, estudando en que medida esas mesmas características condicionan os beneficios e experiencias obtidos. A finalidade última é identificar barreiras e boas prácticas, elaborar recomendacións e deseñar unha ferramenta de apoio á toma de decisións que contribúa a facer máis inclusivas as mobilidades internacionais.

As Universidades de Murcia, Nantes e Florencia, institucións socias do proxecto ademais da propia USC como entidade coordinadora, presentaron publicamente o proxecto e estableceron unha dinámica de colaboración efectiva para intercambiar coñecemento e perspectivas preliminares sobre as diferenzas de acceso e impacto da mobilidade internacional nos distintos contextos universitarios. Nunha sesión interna aproveitaron ademais para revisar os resultados preliminares e afinar o plan de traballo conxunto.

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán García, e o coordinador do proxecto, Raúl Ríos Rodríguez, foron as persoas encargadas de dar a benvida aos socios participantes e coñeceron, da man dos seus protagonistas, as principais tarefas de WELLMOBE así como a situación dos seus programas de mobilidade.

Ademais, coa fin de identificar cuestións clave e boas prácticas en materia de participación, a xornada contemplou un exercicio participativo en formato ‘World Café’ con estudantes con experiencia ou interese en programas de mobilidade e con persoal docente e administrativo vinculado a este ámbito. 
 

The contents of this page were updated on 10.03.2025.