Un consorcio europeo liderado pola USC converterá o CO2 en biocombustible verde

O proxecto europeo Bac-To-Fuel, coordinado polo profesor da USC Manuel Arturo López Quintela, desenvolverá unha planta prototipo que producirá biocombustible avanzado mediante o uso de bacterias xeneticamente melloradas para converter o CO2, xunto con hidróxeno renovable, nun biocombustible renovable e respectuoso co medio ambiente. López Quintela pertence ao grupo de investigación NANOMAG.
O proceso consta de dúas fases, que conforman unha “folla biónica”, que imitará a fotosíntese. No primeiro paso do proceso, utilizaranse nanomateriais innovadores (Atomic Quantum Clústers, ou AQCs) para imitar o proceso natural da fotosíntese mediante o uso de luz solar directa e augas residuais, para obter hidróxeno renovable. Estes novos materiais sub nanométricos poden lograr producións de hidróxeno a prezos competitivos ao permitir un proceso escalable e eficiente. No segundo paso, o hidróxeno producido no paso anterior é alimentado nun biorreactor xunto con CO2 en bruto e bacterias modificadas xeneticamente mediante CRISP-CAS, para obter biocombustibles avanzados e adecuados ao sector do transporte.
“Este novo proceso, cando se implemente, podería favorecer que Europa se sitúe á cabeza mundial no competitivo mercado da produción de biocombustibles respectuosos co medio ambiente”, afirman dende o consorcio. O proxecto financiado con 3 millóns de euros por parte da UE, tamén inclúe un centro tecnolóxico belga (VITO), unha empresa española (NANOGAP), e as universidades de Lancaster (Reino Unido), Wageningen (Holanda) e a Universidade Técnica de Berlín (Alemaña).
Descarbonizar o sector do transporte
Os biocombustibles desenvolverán un papel importante na substitución dos combustibles fósiles líquidos, en particular para aqueles modos de transporte que non poden electrificarse aínda. A produción e o uso de biocombustibles pode proporcionar beneficios tales como unha maior seguridade enerxética, a redución da dependencia das importacións de petróleo e a redución da volatilidade dos prezos do petróleo. Ademais, os biocombustibles de nova xeración tamén poden apoiar o desenvolvemento económico mediante a creación de novas fontes de ingresos. Espérase que o consumo convencional e avanzado de bioetanol e biodiésel aumente en toda a Unión Europea, impulsado polo aumento das taxas de incorporación prevista por cada estado membro, sinalan dende o consorcio.