Pasar al contenido principal

USC, referencia para o sector leiteiro

Docentes e responsables académicos da USC con titulados da quinta edición do Máster en Produción de Leite da USC, na Casa do Saber de Lugo
Docentes e responsables académicos da USC con titulados da quinta edición do Máster en Produción de Leite da USC, na Casa do Saber de Lugo
O Campus de Lugo achega formación especializada e instalacións experimentais
Lugo

A USC é unha referencia formativa e de I+D+i para o sector leiteiro, tanto no que atinxe aos produtores como ás empresas con actividades ligadas coa transformación desta materia prima, tanto en Galicia como noutras comunidades españolas e incluso alén das fronteiras nacionais.

A conexión da USC coa actividade agrogandeira e especialmente co sector lácteo establécese sobre todo desde o Campus de Lugo, no que a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) se erixe como unha infraestrutura tecnolóxica e científica de primeiro nivel acaída para aproveitar o talento, ademais dos coñecementos acreditados polas persoas que xa completaron a súa formación universitaria de grao na Facultade de Veterinaria ou nalgunha das enxeñarías agronómicas e alimentarias impartidas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE).

Alén das titulacións de grao impartidas na sede universitaria luguesa, o máster en Produción de Leite, un título propio da USC, antóllase como un programa de posgrao singular que contribúe á especialización arredor do sector leiteiro e, sobre todo, respecto dos procesos de produción. A pertinencia deste título universitario, cuxa docencia se imparte na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, así como nas instalacións de que dispón o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (Ligal) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), queda probada pola demanda sustentable que está rexistrar por parte do alumnado nos últimos anos. Esta realidade púxose de manifesto na cerimonia de entrega de diplomas e premios ao mellores expedientes da quinta edición do Máster en Produción de Leite da USC,  no marco dun acto celebrado este venres na Casa do Saber de Lugo, no que se lembrou que son máis de 50 os docentes, vinculados á USC e a doutras entidades de relevo, que imparten docencia neste programa.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta García; o tamén profesor neste centro universitario lugués e coordinador do Máster en Produción de Leite, José Manuel Pereira, ademais do deputado delegado da área Recursos Sostibles da Deputación Provincial de Lugo, Roberto Fernández, participaron como relatores na clausura deste posgrao propio da USC. O alumnado e os propios docentes que participan neste título tamén se poderán beneficiar en próximas edicións das prestacións científicas e tecnolóxicas da futura Granxa Experimental de Vacún que estará operativa en breve na finca de que dispón a Deputación Provincial de Lugo na Granxa Gayoso-Castro, no municipio de Castro de Rei, dixo a vicerreitora Montserrat Valcárcel.

Acto académico de clausura
O acto académico de clausura deste máster propio da USC serviu, ademais de para recoñecer o esforzo e aproveitamento deste posgrao aos tres titulados con mellor expediente académico, Juan José Núñez Casas, Roi Capón Fernández e Itziar Villanueva Legarda, que recibiron cadanseu premio económico de 800, 600 e 400 euros, respectivamente, para poñer en valor un título que supón unha conexión directa entre a formación universitaria e o tecido produtivo e empresarial do sector primario.

O profesor José Manuel Pereira salientou asemade nesta sesión que o proceso de internacionalización experimentado nos últimos anos polo máster en Produción de Leite da USC ten continuidade na sexta edición deste programa, que xa está en curso e na que ademais de completar as 12 prazas ofertadas con alumnado, en boa parte traballadores e profesionais do sector leiteiro, procedente e Galicia, Portugal, Castela e León ou Navarra, entre outras localizacións.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2019.