Pasar al contenido principal

A Cátedra de Cronicidade da USC nace co fin de contribuír a adecuar o sistema de saúde á necesidade asistencial

A prevalencia das enfermidades crónicas é do 80% en persoas de máis de 65 anos. Foto: Pixabay
A prevalencia das enfermidades crónicas é do 80% en persoas de máis de 65 anos. Foto: Pixabay
A nova Cátedra institucional nace para propiciar unha reflexión arredor da situación que os avances en Ciencias da Saúde, e especificamente na loita contra as enfermedades, están propiciando ao favorecer unha poboación cada vez máis avellentada e a proliferación de enfermidades crónicas
Santiago de Compostela

Os avances en Ciencias da Saúde e especificamente na loita contra as enfermidades están propiciando unha poboación cada vez máis avellentada e a proliferación de enfermidades crónicas. Esta realidade motiva o nacemento da Cátedra de Cronicidade da USC, cuxa misión e obxectivos foron obxecto dunha xornada pública de presentación celebrada este venres no Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López, acompañado do director da nova Cátedra institucional da USC, o profesor e xefe do Servizo de Medicina Interna do CHUS Antonio Pose, e do asesor técnico da mesma, o doutor Rafael Bengoa, senior fellow da Universidade Harvard e ex conselleiro de Saúde do Goberno vasco.

Con anterioridade a esta xornada, o reitor asinou o convenio de colaboración que inicia a actividade da Cátedra de Cronicidade e na que colaboran Otsuka Pharmaceutical, representada por Concepción Caudevilla Asensio; Bahia Software, por Martín Gómez Rodríguez; Daiichi-Sankyo, en nome de quen interveu Inmaculada Gil Rabadán; e Philips Ibérica, a través de Ignacio López Parrilla.

A sociedade galega ao igual que a xaponesa caracterízase por unha longa esperanza de vida, que leva aparellado novos retos dende o ámbito da saúde, aos que debe dar resposta a nova Cátedra de Cronicidade da USC “como un axente de discusión e dinamizador de propostas”, afirmou o reitor Antonio López na súa presentación. A USC ten entre os seus eixes de actuación atinxir unha maior proxección á sociedade, no que xoga un papel importante tanto a transferencia do coñecemento como facer partícipe á cidadanía activamente na investigación a desenvolver. Neste senso, o reitor sinalou o Mecenado como unha oportunidade que cómpre explorar e onde as Cátedras Institucionais son un dos seus piares.

A Cátedra de Cronicidade alíñase igualmente cos Obxectivos  de Desenvolvemento Sostible definidos pola ONU na súa Axenda 2030, especificamente o número 3 relativo a Benestar e Saúde.

Con anterioridade á xornada de presentación, o reitor asinou o convenio de colaboración que pon en marcha esta Cátedra coas empresas colaboradoras. Foto: Santi Alvite
Con anterioridade á xornada de presentación, o reitor asinou o convenio de colaboración que pon en marcha esta Cátedra coas empresas colaboradoras. Foto: Santi Alvite

Xornada de presentación

“Vivimos máis tempo, pero tamén vivimos máis tempo enfermos”, sinalou Rafael Bengoa na xornada de presentación desenvolvendo a idea de que os avances científicos están vinculados coa proliferación nas últimas décadas de persoas con enfermidades crónicas. Esta nova situación implica a necesidade de coidados acordes e a definición dun novo contexto do sistema de saúde para outorgalos.

“Melloramos tratando todas as enfermidades agudas e agora temos tempo para desenvolver todos tipo de enfermidades crónicas”, expuxo o doutor Bengoa quen realizou unha disección dunha “realidade que obriga a poñer en primeiro plano aos enfermos crónicos”. A idea foi recollida tamén por Antonio Pose na súa disertación, na que revelou datos como que a prevalencia das enfermidades crónicas é do 80% en persoas de máis de 65 anos pero que tamén chega ao 30% nas que se atopan na franxa de 16 a 45. Por iso é polo que incida na “xestión do caso e non da enfermidade” e nun principio básico, “non todo enfermo crónico é un paciente de risco”.

Ambos os profesores  colixen e defenden que “cambiaron as enfermidades, non cambiou o sistema de saúde” para engadir que “cambiou o paciente; cambiou a medicina; o sistema de saúde, pouco”. Nese cambio necesario pretende axudar a nova cátedra que, segundo o seu director, terá dúas direccións na súa actuar: cara a dentro, é dicir, convertendo a cronicidade en obxecto de estudo dentro da universidade; e cara a fóra, que se concreta no desexo de conectar coa comunidade e axudala.

O profesor da Universidade de Santiago expuxo xa actuacións concretas, entre elas un evento en paralelo ao Xacobeo 2021 ou a solicitude de ser centro colaborador en cronicidade da Organización Mundial da Saúde. Pola súa banda, Rafael  Bengoa debuxou o horizonte cara ao que deben dirixirse os cambios, ao afirmar que “non existen todas as respostas, pero algunhas si. Sabemos xa que dirección tomar para ese novo sistema de saúde e social: a integración de coidados, un paciente con máis voz, a revolución dixital, pero con rostro. A Cátedra quere axudar a acelerar eses cambios apoiando aos pacientes, á Administración, aos seus directivos e aos profesionais da saúde”. E nace “apoiada en catro organizacións punteiras vinculadas á sanidade como son Otsuka  Pharmaceutical, Baía Software,  Daiichi  Sankyo e Philips Ibérica”.

O reitor Antonio López e os doutores Pose e Bengoa, momentos antes da presentación da Cátedra. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López e os doutores Pose e Bengoa, momentos antes da presentación da Cátedra. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2019.