José Luis Castro de Paz, novo director do Centro de Estudos Fílmicos da USC

O Centro de Estudos Fílmicos (Cefilmus) comeza unha nova etapa coa vontade de aglutinar toda a investigación que a USC desenvolve arredor da historia, a teoría e a análise fílmicas en diferentes departamentos e áreas de coñecemento. Así o subliña José Luis Castro de Paz, catedrático de Comunicación Audiovisual e novo director do Centro, o cal “centrará os seus esforzos naquelas iniciativas de investigación que busquen poñer en valor o traballo de investigadores e docentes que veñen dedicándose ao cinema e ao audiovisual dende diferentes perspectivas de estudo”.
“O Cefilmus procura manterse atento e dar conta, a través de estudos e investigacións, do novo pulo que o audiovisual galego vén demostrando de maneira sostida dende hai xa algúns anos. Realidades tan diversas como o chamado Novo Cinema Galego, demandan da Universidade a súa propia achega reflexiva, crítica e analítica”, afirma Castro de Paz. “O obxectivo final non pode ser outro que o de acadar un mellor coñecemento do noso sistema audiovisual, que implica, á súa vez, un mellor coñecemento da realidade social que reflicte e na que se integra”, destaca.
Proxectos futuros
Nesta liña sitúase un dos proxectos nos que este centro de estudos está xa a traballar, como é o caso da organización dun congreso internacional que, co gallo do Xacobeo 2021, se aproxime ao cine do Camiño, pero que tamén analice aqueles filmes que fixeron do Camiño, nunha acepción ampla, o motivo central da súa proposta.
“O Cefilmus proponse, asemade, abordar o estudo do cine non só dende unha óptica galega, senón como un fenómeno esencial para comprender a realidade actual en toda a súa complexidade”, conclúe o novo director do centro. Xunto a Castro de Paz, actuará como secretario do Cefilmus, situado na Facultade de Xeografía e Historia, o tamén profesor da USC, Xosé Nogueira.