Pasar al contenido principal

A investigadora Beatriz Pelaz obtén unha ‘Starting Grant’ para desenvolver nanomedicinas máis eficientes

Beatriz Pelaz é investigadora do CiQUS da USC
Beatriz Pelaz é investigadora do CiQUS da USC
O proxecto 'Spacing', que será financiado con 1,5 millóns de euros, explorará unha tecnoloxía baseada en ADN que permita a modificación da superficie de nanomateriais
Santiago de Compostela

O proxecto Spacing, que vén de recibir 1,5 millóns de euros ao abeiro da convocatoria 2020 do programa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, tratará de desenvolver unha nova tecnoloxía, baseada en ADN, que permita a modificación da superficie de nanomateriais; en particular, nanopartículas. O obxectivo, segundo explica a investigadora da USC e líder do proxecto, Beatriz Pelaz, consiste en “producir impresoras nanométricas para imprimir certos patróns moleculares (ligandos) na superficie de nanopartículas, inspirándonos, por exemplo, nas envolturas proteicas dalgúns virus, críticos para determinar a súa infectividade”.

A multifuncionalidade, robustez e precisión desta innovadora tecnoloxía pretende sentar as bases para desenvolver nanomedicinas máis eficientes e entender mellor “como funcionan as interaccións entre os ligandos das nanopartículas con células”, engade a investigadora.

Currículo

Beatriz Pelaz licenciouse en Química pola Universidade de Valladolid (2005) e en Bioquímica pola Universidade de Zaragoza (2011). En marzo do 2012, obtivo o seu título de doutoramento con mención Europea pola Universidade de Zaragoza. De xuño de 2012 a finais de 2016, Beatriz foi membro do grupo do profesor Wolfgang  J.  Parak na  Philipps-Universität  Marburg, en Alemaña; primeiro, como investigadora postdoutoral, e despois como investigadora do programa Humboldt. Dende xaneiro de 2017,  colidera o grupo BionanoTools no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de materiais intelixentes  controlables remotamente e o estudo da súa interacción con entidades biolóxicas.

Convocatoria altamente competitiva

O programa europeo Starting Grant ten como obxectivo promover a excelencia científica financiando proxectos de investigación na fronteira do coñecemento e  recoñecendo e impulsando, deste xeito, as carreiras profesionais de mozos científicos, entre dous e sete anos desde da obtención do título de doutoramento. Trátase dunha convocatoria moi selectiva, de gran prestixio internacional, e un dos indicadores máis relevantes de excelencia científica.

O Consello Europeo de Investigación (ERC), creado pola Unión Europea en 2007, selecciona e financia cada ano a un grupo de investigadores de calquera nacionalidade e idade para executar proxectos de gran novidade e impacto. O proceso de selección é moi competitivo e selectivo, e ten unha taxa de éxito menor do 10%. Hai tres convocatorias para diferentes etapas da carreira científica, entre as que se atopa a Starting Grant que acaba de obter Beatriz Pelaz.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2020.