A II Feira da Innovación mostra a actividade investigadora e docente da USC ao alumnado de secundaria

A II Feira de Innovación da USC estase a celebrar no edificio Cinc da Cidade da Cultura este mércores 27 e o xoves 28 dirixida a alumnado de secundaria e bacharelato para mostrarlle a oferta docente, así como achegarlle a oferta de servizos e unha selección de liñas de investigación nas que actualmente traballan os investigadores da institución compostelán. No arranque desta Feira proxectouse un vídeo co saúdo do ministro de Ciencia, Innovación e Unidades en funcións, Pedro Duque, quen destacou que “o fomento da innovación é o mellor motor do crecemento económico sostible e, polo tanto, do benestar social”.
O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural nunha sesión na que tamén tomaron parte a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo. López afirmou que a innovación, como tema central da Feira, é a esencia da universidade e fundaméntase na conxugación de investigación, formación e de transferencia de coñecemento. Esta segunda Feira dá continuidade a unha iniciativa que busca “achegarnos aos futuros universitarios para facelos partícipes do noso traballo e que poidan coñecer que ofrecemos”.
Carmen Pomar subliñou que “as universidades públicas galegas están chamadas a desenvolver unha importante tarefa en beneficio da sociedade galego, como transmisoras de coñecemento, formadoras de xeración futuras e, tamén, como xeradoras de investigación e de innovación en distintos campos”. A conselleira convidou ao alumnado asistente a tirar o máximo proveito desta feira, na que a través de diferentes actividades e relatorios poderán coñecer as ensinanzas e a innovación na USC. “As empresas demandan empregados versátiles, flexibles e creativos. Polo tanto, a universidade vese abocada a formar máis en aptitudes, para que o alumnado teña a capacidade de adaptarse ás evolucións e requirimentos dese mercado de traballo en continua evolución”, dixo.
Feira
O público participante pode coñecer de primeira man ao longo destas dúas xornadas, a diversa oferta docente, de investigación e de servizos que ofrece a Universidade. Esta iniciativa contará cun espazo de atención ao estudantado para a resolución de dúbidas e ampliación de información relacionada coas titulacións da USC e a súa ampla oferta de servizos. Exhibicións e demostracións de carácter interactivo para achegar aos visitantes exemplos dos proxectos de investigación nos que a USC está a traballar serán outros dos elementos que nutrirán o programa desta feira.
A exposición de contidos vencellados a proxectos de Aprendizaxe-Servizo e a difusión das accións de voluntariado que a USC ten en marcha; así como unha mostra do inventario do Servizo de Publicacións da USC, completarán o programa. De xeito paralelo ás seccións permanentes, a feira contará con relatorios divulgativos, a cargo do persoal docente e investigador da USC, que permitirán por o foco nas súas diferentes liñas de investigación.
O acto arrancou cunha mensaxe do ministro en funcións, Pedro Duque. Foto: Santi Alvite No acto participou tamén a conselleira de Educación, no centro da imaxe xunto co reitor e integrantes do equipo de goberno da USC. Foto: Santi Alvite Ao longo destes dous días, pasarán pola Cidade da Cultura máis de mil estudantes de secundaria de toda Galicia. Foto: Santi Alvite Esta é a segunda edición dunha feira que busca fortalecer o contacto co alumnado pre universitario. Foto. Santi Alvite




