Pasar al contenido principal

A Aula de Produtos Lácteos da USC avanza na formación a prol da eficiencia e da seguridade nos sectores leiteiro e das queixerías

Participantes na xornada sobre ferramentas de eficiencia e seguridade alimentaria no sector lácteo e de queixería
Participantes na xornada sobre ferramentas de eficiencia e seguridade alimentaria no sector lácteo e de queixería
A xornada técnica promovida xunto coa empresa Diversey reúne na sede da APLTA da USC a medio centenar de participantes de Galicia, Asturias e Castela León
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC avanza na formación a prol da maior eficiencia e da seguridade nos sectores leiteiro e das queixerías coa celebración dunha xornada técnica promovida en colaboración co grupo empresarial Diversey, líder mundial en solucións para limpeza e hixiene industrial.

A adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e o directivo de Diversey Carlos Romaní, presidiron este xoves a sesión de apertura desta xornada formativa de carácter técnico, un foro orientado a mellorar a eficiencia e as garantías de seguridade alimentaria alimentaria nos sectores leiteiro e das queixerías no que participan unhas 50 persoas ligadas a este sector alimentario procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León.

O programa desta acción formativa desenvolveuse ao longo de toda a xornada matinal nas instalacións de que dispón a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC no lugués polígono de Sanfiz, que se converteu en escenario da presentación de novas formas de enfoque de aspectos clave na hixiene e na seguridade alimentaria.

A xornada, cuxas sesións foron impartidas por persoal técnico da empresa Diversey, permitiu asemade achegar ao público participante un abano de ferramentas configuradas para obter e analizar información que, correctamente relacionada cos datos de produción, facilitará a toma de decisións sobre inversións e solucións técnicas acaídas para incrementar o rendemento na planta láctea.

 

Carlos Romaní e Elvira López Mosquera, na apertura da xornada

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.