O estudo das redes sociais permite inferir a interacción das persoas cos servizos ecosistémicos culturais en zonas costeiras

A análise de datos de redes sociais estase a converter nunha ferramenta prometedora para avaliar os servizos ecosistémicos culturais, ou o que é o mesmo, os beneficios non materiais que as persoas reciben da natureza e as súas respectivas interaccións cos devanditos ecosistemas. Un estudo no que participa o profesor da USC Sebastián Villasante acaba de analizar datos das redes sociais Instagram e Twitter en tres áreas de estudo: a Gran Barreira de Coral, as Illas Galápagos e a Illa de Pascua.
Esta novidosa metodoloxía aborda estes servizos como un sistema de elementos relacionados cos grupos de cancelos asociados ás publicacións en redes sociais. Os resultados da investigación indican que a análise de cancelos aplicando a teoría de grafos proporciona información adicional respecto ao estudo do contido fotográfico, xa que a teoría de grafos permite identificar o discurso emerxente nas publicacións relacionadas cun área natural. “Este discurso emerxente inclúe non só as principais actividades realizadas polos usuarios, ou as especies e paisaxes valoradas, senón tamén as emocións e sentimentos que as persoas vinculan con estas áreas”, explica o profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
O artigo ‘Using graph theory and social media data to assess cultural ecosystem services in coastal areas: Method development and application’, no que toman parte, alén da USC, investigadores do Instituto mixto entre a Universidade das Illas Baleares e o Consello Superior de Investigacións Científicas, acaba de ser publicado na revista Ecosystem Services.
Plataformas diversas
“A maioría dos estudos centráronse no uso dunha única plataforma de redes sociais e na análise do seu contido fotográfico para avaliar a percepción que ten a sociedade da natureza”, continúa Villasante, “este estudo destaca a importancia de considerar datos de diferentes plataformas de redes sociais, xa que o tipo de usuarios e a información que ofrecen estas plataformas poden mostrar diferentes atributos dos servizos ecosistémicos culturais. Por exemplo, Instagram considérase unha rede de sentimentos positivos e de actividades recreativas, mentres que Twitter destaca polo seu discurso máis crítico”.
Os investigadores advirten que a sinxeleza e os tempos relativamente curtos de procesamento informático converten esta metodoloxía en rendible e apta para ser aplicada a grandes escalas xeográficas. Esta vantaxe foi probada nun estudo global que actualmente se atopa en revisión, liderado polo mesmo grupo de investigadores, onde a análise das mensaxes de Instagram asociados a catorce zonas marítimo-costeiras protexidas en todas as rexións bio-xeográficas do mundo permitiu identificar a variabilidade de actividades, valores e sentimentos que as persoas relacionan con cada unha desas áreas. “Esta información é de gran utilidade para a xestión e conservación das áreas ao prover información detallada sobre os usos, preferencias e sentimentos de cada área natural”, explica Villasante.
“Este tipo de investigación que utiliza os datos das redes sociais xustifica, a pesar das súas limitacións, por que a natureza é importante para as persoas. Os servizos ecosistémicos culturais van máis aló do que adoitan valorar os científicos e economistas, e desafían á sociedade para pensar máis profundamente sobre os beneficios da natureza”, conclúe Villasante. Coñecer as preferencias de turistas e visitantes, e os tipos de servizos ecosistémicos culturais que as persoas obteñen nun lugar, pode ser útil para os administradores de parques e recursos naturais e lexisladores.