A USC, entre as mellores universidades do mundo no ránking THE en Educación, Ciencias Sociais, e Economía e Empresas

O ránking Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento incorpora un ano máis á USC entre as mellores institucións universitarias do mundo no eido das Ciencias Sociais, Educación, así como en Economía e Empresas. A Universidade sitúase no intervalo 301-400 no ámbito da Educación; no 401-500, en Economía e Empresas; e no 601+ no eido das Ciencias Sociais.
Esta listaxe está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (30% da valoración final), investigación (30%), citacións (30%), proxección internacional (7,5%), e transferencia de coñecemento (2,5%). No eido da Educación, o ránking THE contén un total de 477 institucións. A USC ocupa o sexto lugar de entre as 33 universidades españolas que compoñen a listaxe, sendo a transferencia de coñecemento e a docencia os aspectos mellor valorados.
En Economía e Empresas, son 632 as institucións que integran a listaxe, 31 delas pertencentes a territorio español e de entre as cales a USC sitúase en sétimo lugar destacando en citacións e transferencia. A transferencia do coñecemento xerado é tamén, xunto coa internacionalización, o aspecto mellor valorado da USC por THE no eido das Ciencias Sociais.
Humanidades, Ciencias Computacionais, Enxeñarías e Tecnoloxía
En semanas pasadas, a edición 2020 do ránking Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento situou tamén á USC como unha das mellores universidades do mundo no eido das Artes e Humanidades, concretamente no intervalo 301-400.
Pola súa parte, no ámbito das Ciencias Computacionais, así como no eido das Enxeñarías e Tecnoloxía, THE colocou, no mes de outubro, á USC no intervalo 501-600. A Universidade ocupa o quinto lugar de entre as 28 universidades españolas que integran esta clasificación de Ciencias da Computación; mentres que en Enxeñaría, sitúase en sexto lugar con respecto ás 40 institucións españolas incluídas.