Pasar al contenido principal

O programa Argos de conformación de equipos de emprendedores amplía o seu prazo de inscrición ata o 15 de novembro

Cartel da convocatoria 2019 de Argos
Cartel da convocatoria 2019 de Argos
Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves desta convocatoria
Lugo, Santiago de Compostela

A presentación de propostas ao programa Argos da USC poderá realizarse ata o próximo día 15, logo da ampliación do prazo de inscrición. Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves desta convocatoria, cuxo obxectivo é conformar equipos interdisciplinares de persoas emprendedoras e ás que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. Argos diríxese a alumnado de últimos anos de grao, posgrao, máster, doutoramento ou titulados/as das últimas promocións, así como persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Santiago e Lugo.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/avte/emprendemento.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos [at] usc.es (argos[at]usc[dot]es). As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 ou 982 822 854.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O programa comeza a última semana de novembro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha, Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da USC) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. O programa conta ademais co apoio da Deputación de Lugo, IGAPE e GAIN.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.