O grupo Photonics4life gaña un dos tres Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019

O grupo de investigación Photonics4life da USC acaba de ser recoñecido nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019 na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. O galardón é unha convocatoria da Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Axencia Galega de Innovación. Concretamente, o equipo da USC foi recoñecido co premio ‘Francisco Guitián Ojea’ por un proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.
A proposta do grupo da USC consiste en elaborar estes modelos mediante tecnoloxía láser 3D, que fai posible unha fabricación rápida e moi precisa, cun custo menor en relación a outras técnicas e coa opción de usar como base diferentes materiais, como vidros, polímeros ou materiais flexibles. Ademais, o láser permite obter estruturas con dimensións desde a micra ata o milímetro, de maneira que se pode reproducir dende un diminuto capilar sanguíneo ata unha bifurcación coronaria.
Neste senso, o equipo considera que a construción do prototipo dun vaso sanguíneo é un exemplo claro das posibilidades desta tecnoloxía. Contar cun modelo 3D destas características permite o cultivo celular nas súas paredes para realizar estudos preclínicos no laboratorio sen necesidade de experimentación animal. O estudo das patoloxías cardiovasculares, da deposición das células tumorais circulantes no sangue ou do comportamento dos fármacos é moito máis preciso con estes dispositivos que cos cultivos convencionais en dúas dimensións.
O grupo destaca que a súa principal vantaxe competitiva sobre outras solucións similares no mercado, ademais da personalización e o baixo custo, é que completa a súa tecnoloxía con métodos de simulación numérica que permiten coñecer con total exactitude o comportamento que terán os fluídos a través da estrutura fabricada. Isto, que fai posible optimizar o deseño antes da fabricación para garantir que o modelo responde ás necesidades dos usuarios finais, é un dos motivos polos que investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e da Universidade Complutense de Madrid acudiron a eles para obter solucións que non lograban no mercado.
Ademais das aplicacións no ámbito biomédico –estudo de patoloxías cardiovasculares, estudo personalizado de tumores, validación de fármacos e curación de feridas crónicas–, as estruturas 3D poden usarse para a detección de contaminantes en carburantes ou no estudo das dinámicas de fluxo de petróleo e gasolina.
Nanosatélites e biodeterxentes
Nesta convocatoria dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019 tamén resultaron premiados o grupo de investigación EQ10 de Vigo por un traballo sobre biodeterxentes obtidos de residuos do millo e a spin-off, igualmente de Vigo, Alén Space galardoada co premio ‘ Ricardo Bescansa Martínez’ como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía cunha proposta sobre nanosatélites para mellorar as comunicacións.