Pasar al contenido principal

Ciencias Económicas e Empresariais aborda o impacto cuantitativo da Igrexa compostelá na súa contorna

O estudo académico recolle, ademais, a implicación da Igrexa diocesana de Compostela para loitar contra os efectos da pandemia da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O estudo académico recolle, ademais, a implicación da Igrexa diocesana de Compostela para loitar contra os efectos da pandemia da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O informe ‘Impacto socioeconómico da Diocese de Santiago de Compostela’ constata que a actividade da Igrexa compostelá xera máis de 5.000 postos de traballo
Santiago de Compostela

Máis de 5.000 postos de traballo entre directos, indirectos e inducidos é o impacto laboral das actuacións da Igrexa santiaguesa ou da actividade turística xerada no territorio que abarca a Arquidiocese, tal e como constata o informe ‘Impacto socioeconómico da Diocese de Santiago de Compostela’, un traballo elaborado baixo a coordinación do profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xosé Antón Rodríguez González. O obxectivo deste estudo é explicar o impacto cuantitativo da actividade da Arquidiocese compostelá no conxunto da sociedade e mide o influxo que tivo a aposta da Igrexa diocesana de Compostela para loitar contra os efectos da pandemia da COVID-19.

A Arquidiocese comprende 78  concellos da provincia da Coruña, o que supón o 84% do total provincial; e outros 31  concellos da provincia de Pontevedra, que representan o 51% do total. A suma de todos eles representa o 35% do total de concellos galegos. No estudo lémbrase que, segundo datos do Catastro de 2020, a Arquidiocese é propietaria dun total de 6.847 bens, dos que o 51% son de carácter rústico e o resto urbano e que ocupan unha superficie total, entre rústico e urbano, de máis de 31 metros cadrados. Practicamente a metade dos de carácter urbano dedícanse a usos relixiosos, mentres que o 96% dos bens rústicos dedícanse a fins agrarios. Estes bens representan o 0,11% das parcelas rústicas e urbanas de toda Galicia. O seu valor catastral supón algo máis de trescentos millóns de euros: o 0,30% do valor catastral de todos os bens de Galicia.

No capítulo dos ingresos, durante o ano 2018, a Igrexa rexistrou algo máis de 28 millóns de euros dos que algo máis de dez millóns procedían da contribución voluntaria de fieis, outros sete de asignación tributaria, e 2,5 millóns máis resultaron ser de carácter extraordinario. No capítulo dos gastos, o concepto maior é o das accións pastorais e asistenciais, no que segundo o estudo se invisten 9,1 millóns de euros. No relativo á retribución do clero e do persoal segrar, a Arquidiocese destina outros nove millóns de euros. A conservación de edificios e gastos de funcionamento consumen 4,9 millóns de euros e outros 4,5 correspóndese con gastos extraordinarios.

O estudo académico recolle, ademais, a implicación da Igrexa diocesana de Compostela para loitar contra os efectos da pandemia da COVID-19. Deste xeito, realizouse unha achega directa de 150.000 euros para entidades sociais como Cáritas Diocesana, as cociñas económicas de Santiago e A Coruña ou para o comedor social de Pontevedra e a institución coruñesa Pai Rubinos. Cáritas, pola súa banda, dedicou 125.000 euros en axudas nos últimos tres meses, atendendo a máis de 3.800 familias e máis de 7.000 persoas.

O patrimonio cultural-relixioso da Diocese conforma un importante polo de atracción turística para Galicia. Por cada euro que gastan os visitantes deste patrimonio, xéranse 1,97 euros de produción na economía galega. Asemade, por cada millón de euros que gastan os visitantes deste patrimonio, xéranse 23,8 postos de traballo. O grupo de investigadores que elaboraron o informe completárono María Loureiro, Fidel Martínez, Francisco Durán e Nicolás Aguado Domínguez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2020.