Pasar al contenido principal

Trazan unha visión prospectiva da seguridade natural nun sistema global sustentable

A seguridade natural como resultado da evolución do concepto de seguridade é a premisa sobre a que se asenta esta investigación. FOTO: Pixabay
A seguridade natural como resultado da evolución do concepto de seguridade é a premisa sobre a que se asenta esta investigación. FOTO: Pixabay
A investigación desenvolvida na USC por Andrés Lema constata que en todos os eidos tecnolóxicos poden efectuarse melloras no relativo á seguridade natural e que a importancia dos seus efectos fai necesaria unha maior axilidade nas respostas
Santiago de Compostela

Obter unha visión prospectiva da seguridade natural no marco dun sistema global sustentable é a meta da investigación desenvolvida na USC por Andrés Lema Martínez. O estudo constata que en todos os eidos tecnolóxicos poden efectuarse melloras no relativo á seguridade natural e que a importancia dos seus efectos fai necesaria unha maior axilidade nas respostas. “O mundo non é unha foto fixa”, apunta Lema ao reivindicar a esperanza no avance da sociedade e do coñecemento científico e tecnolóxico para superar os retos futuros neste eido. Para desenvolver o seu fio argumental, o autor exemplificou no acto de defensa en liña desta tese de doutoramento, a conexión entre seguridade natural, seguridade enerxética e sustentabilidade a través de tres casos: a distribución da electricidade, os recursos enerxéticos e minerais mariños, e a captura e emprego de CO2.

A seguridade natural como resultado da evolución do concepto de seguridade é a premisa sobre a que se asenta esta investigación na que “a introdución da análise da xeopolítica e da xeoestratexia proporciona unha visión global dos aspectos da seguridade natural que vai máis alá da visión causa-efecto tradicional”, sinala Andrés Lema. A seguridade natural abrangue o estudo dos aspectos de seguridade relacionados coas interaccións entre as infraestruturas enerxéticas, o uso da enerxía e a explotación de recursos minerais e enerxéticos e o medio ambiente e a sociedade. Ademais, outro dos obxectivos da tese é o establecemento dun marco avanzado para o desenvolvemento de futuros traballos do Grupo de Investigación TEC-SENA (Tecnoloxía para a Economía Circular e a Seguridade Natural).

A investigación desemboca nunha definición da seguridade natural, detallando dentro da mesma os aspectos de seguridade enerxética, dentro dun marco de sustentabilidade. A visión deste concepto á que chega o autor incorpora, alén dos aspectos científicos e técnicos propios da enerxía e dos recursos minerais, outros do ámbito das ciencias sociais como o propio concepto de seguridade, a xeoestratexia e a xeopolítica, de forma que se identifican aspectos da seguridade natural como novos elementos globalizadores e que en determinados casos poden intervir na xeración de conflitos debido aos impactos das medidas de reforzo da seguridade natural.

A metodoloxía adoptada consiste nunha análise dedutiva e prospectiva de carácter empírico aplicada a aqueles aspectos comúns á explotación e uso dos recursos minerais e enerxéticos. O estudo desenvolveuse dende un enfoque interdisciplinario nos ámbitos científicos, técnicos e das ciencias sociais.

Calidade democrática

Esta tese de doutoramento que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, desenvolveuse baixo a dirección dos profesores da USC Pastora Bello Bugallo e José Julio Fernández Rodríguez, os cales destacaron “a importancia de avanzar nos estudos interdisciplinarios da seguridade natural, para conseguir mellorar a calidade da nosa democracia e da garantía dos dereitos humanos”. O Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) colaborou nesta investigación no marco do seu interese por abordar un entendemento máis amplo e heteroxéneo da categoría de seguridade. Deste xeito, na USC estase a traballar nos novos conceptos e bases epistemolóxicas que sirvan para ofrecer solucións á problemática específica, actual e futura, do século XXI.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2020.