O grupo BioNanoTools afondará na detección temperá e tratamento de enfermidades por bioimaxe

A investigadora da USC Beatriz Pelaz participará nun proxecto europeo que busca desenvolver unha nova tecnoloxía para a obtención de imaxes moleculares 'in vivo' e, en última instancia, facilitar o diagnóstico temperán de enfermidades e o desenvolvemento de novos conceptos terapéuticos. O proxecto SWIMMOT (acrónimo de Switchable magneto-plasmonic contrast agents and molecular imaging technologies) tratará enfermidades a través de bioimaxe de contraste grazas a unha nova tecnoloxía que fará posible o estudo de procesos fisiolóxicos actualmente non detectables en modelos animais.
O eixo central de SWIMMOT consiste na “fabricación dun novo tipo de axentes de contraste baseados en nanomateriais con propiedades tanto magnéticas como ópticas, que son os responsables dunha detección dual mediante técnicas de imaxe combinadas”, explica Beatriz Pelaz, cuxo equipo será responsable de xerar cubertas biofuncionais nestes nanomateriais e avaliar a súa nanotoxicidade. Como modelo, estudaranse diferentes procesos involucrados na diabetes utilizando modelos de peixe cebra, e o obxectivo final desta tecnoloxía será “permitir a detección temperá de enfermidades, ademais do desenvolvemento de novas terapias, incluíndo o desenvolvemento de novos fármacos”, apunta a investigadora.
Consorcio internacional
O grupo BioNanoTools do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiales Moleculares (CiQUS) da USC, especializado no desenvolvemento de nanomateriais funcionais e as súas aplicacións biolóxicas e do que forma parte Beatriz Pelaz, unirase nun consorcio internacional con outros catro equipos de Austria e Francia, os cales proveñen de diferentes áreas do coñecemento como a química, ciencia de materiais, enxeñería e medicina. O proxecto desenvolverase baixo a coordinación do Instituto de Tecnoloxía de Austria (AIT).
A Comisión Europea acaba de financiar a proposta colaborativa deste consorcio cun total de 3,46 millóns de euros para catro anos a través do programa Future and Emerging Technologies (FET-OPEN), que ten por obxectivo fortalecer grandes proxectos de investigación de alto risco, realizados en colaboración e ligados á creación de novas tecnoloxías de vangarda.