A Rede TIL amosa na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo a mostra ‘25 n unha ollada ao mercado laboral’

A vicerreitora Montserrat Valcárcel inaugura este venres, ás 12.00 horas, a exposición organizada co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Lugo
A mostra ‘25n unha ollada ao mercado laboral’, promovida pola Rede TIL co gallo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha efeméride que se conmemora o 25 de novembro, abrirá este venres, ás 12.00 horas, a súas portas na Biblioteca Intercentros da sede universitaria luguesa, onde poderá visitarse ata o vindeiro 8 de decembro de 2019.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, participará na sesión inaugural desta mostra itinerante, coa que se busca difundir a situación discriminatoria das mulleres no mercado laboral, ademais de fomentar unha reflexión ao respecto e impulsar alternativas máis xustas.