Pasar al contenido principal

Presentación do proxecto Spin-Up, de impulso de novas iniciativas empresariais

O proxecto europeo Spin_Up está liderado pola incubadora de empresas da USC Uninova
Lugo, Santiago de Compostela

Estimular a creación de empresas a través da transferencia de tecnoloxía das universidades e do tecido empresarial para a creación de novas empresas. Este é o obxectivo principal do proxecto europeo Spin_Up, liderado pola incubadora de empresas da USC Uninova, que se presentará en Santiago este luns 25 nas instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). Coa previsión de que o proxecto poida ofrecer apoio a 40 proxectos, a creación de 20 empresas spin-off ou start-up e xerar 40 postos de traballo de calidade, o proxecto busca o fomento da colaboración e complementariedade entre o mundo empresarial, a universidade e a administración na euro rexión Galicia- Norte de Portugal.

O reitor Antonio López presidirá o acto de presentación que comezará a partir das 10.00 horas e no que tamén está prevista a presenza do alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea Fraiz; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso Trillo; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Albores; unha representación da Universidade de Porto e da Asociación Nacional de Novos Empresarios. Deseguido o vicerreitor de Investigación e Innovación en calidade de conselleiro delegado de Uninova, Vicente Pére Muñuzuri, presentará os detalles deste proxecto.

O conferenciante Javier Cebreiros impartirá a continuación unha intervención que explora a importancia da comunicación para o emprendemendo. Doutor en Comunicación, Cebreiros colabora, entre outros, con medios de comunicación como Televisión Española (TVE) ou Atresmedia. Por outra parte, imparte formación en varias empresas, entre elas, INDITEX. Ademais, Javier Cebreiros é autor do libro Olvida tu lenguaje corporal, que acadou xa a súa quinta edición.

Outras entidades socias do proxecto son o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Universidade do Porto e ANJE (Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.12.2019.