Pasar al contenido principal

A era dos “megaincendios” ameaza especies e transforma os ecosistemas terrestres

A principal conclusión do traballo publicado en Science é que o réxime de incendios debe ser tido en conta á hora de planificar a conservación da biodiversidade. FOTO: Santi Alvite
A principal conclusión do traballo publicado en Science é que o réxime de incendios debe ser tido en conta á hora de planificar a conservación da biodiversidade. FOTO: Santi Alvite
O investigador da USC Adrián Regos toma parte nunha investigación internacional que acaba de ver a luz en ‘Science’ e na que se constata como a escalada na frecuencia e intensidade dos grandes lumes forestais supón “un desafío social e ambiental sen precedentes”, que cambiará o modo no que as sociedades se relacionan co fogo
Santiago de Compostela

O cambio no réxime de incendios a escala mundial ameaza con extinguir algunhas especies, prexudicar a biodiversidade e transformar os ecosistemas terrestres. Esta é unha das conclusións ás que chegou un consorcio internacional integrado por dezasete centros de investigación procedentes de Australia, Canadá, Estados Unidos, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Sudáfrica e España, e no que toma parte o investigador da USC Adrián Regos. No artigo ‘Fire  and  biodiversity  in  the  Anthropocene’ que acaba de ver a luz na revista Science, o equipo de 27 científicos conclúe que a escalada na frecuencia e intensidade dos grandes incendios forestais expón “un desafío social e ambiental sen precedentes”. Este contexto requirirá de novas medidas e estratexias “que revolucionarán como as sociedades xestionarán o lume”.

“Aínda que o home fixo uso do lume para modificar a súa contorna durante milenios, o quecemento climático, os cambios en usos do solo e a introdución de especies invasoras están a modificar o réxime de incendios e o seu impacto sobre a biodiversidade”, matiza Regos. O lume é unha fonte de biodiversidade dende hai millóns de anos, pero o seu novo comportamento está a afectar a máis de 4.400 especies e hábitats que dependen en gran medida dos seus patróns temporais e espaciais. Aínda que moitas especies viven ameazadas polo incremento na frecuencia e severidade dos incendios, a investigación pon o foco en como as políticas de exclusión do lume poden ser tamén prexudiciais para aquelas especies e ecosistemas que o necesitan.

Análise de 30.000 especies

A principal conclusión do traballo publicado en Science é que o réxime de incendios debe ser tido en conta á hora de planificar a conservación da biodiversidade debido ao seu papel chave nos procesos  ecosistémicos, así como as súas funcións e servizos. O estudo revisou case 30.000 especies clasificadas con risco de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) e atopou que polo menos o 15% verase ameazado pola modificación dos réximes de incendios. “Estes cambios poden supoñer unha maior actividade do lume que ameace as especies pouco adaptadas, ou a diminución desta actividade que implique a redución de hábitats chave para moitas especies”, explica Adrián Regos. Os cambios na actividade do lume son un reto para a biodiversidade en hábitats e rexións  bioxeográficas de todo o mundo. Os autores apuntan, neste senso, que o risco de extinción de especies asociados á alteración do réxime de incendios é maior nas sabanas (27%), seguida de preto polas praderías (25%), as zonas rochosas (25%), as matogueiras (25%) e os bosques (19%).

“O  Antropoceno, época en que a actividade humana comezou a xerar efectos ambientais masivos de alcance mundial, trouxo consecuencias tales como o cambio climático e os  megaincendios”, continúa o investigador da USC. “A conservación da biodiversidade terrestre e os ecosistemas demandan un maior recoñecemento de papel crítico do lume nos ecosistemas”, sinala Regos.

Estratexias de futuro

O artigo propón un conxunto de accións para promover a biodiversidade na nova era dos “megaincendios”. En primeiro lugar, propón xestionar activamente o lume para adaptalo a determinadas especies ou ecosistemas. En segundo lugar, suxire a abordaxe da súa problemática dende unha perspectiva máis holística e non só de xestión. Por exemplo, os bosques sometidos a unha seca extrema ou que se atopan alterados pola invasión progresiva de especies exóticas teñen máis probabilidades de ser ameazados por un incendio. Asemade, recoñécese o papel crítico das comunidades locais. “Restaurar e promover paisaxes  agropastorais tradicionais crea oportunidades para equilibrar a biodiversidade con outros valores socioeconómicos en moitas rexións do mundo”, destaca Regos. Aprender da xestión actual da poboación local e indíxena e promover a xestión colaborativa dos incendios son pasos necesarios, a xuízo dos autores, para beneficiar conxuntamente á sociedade e á biodiversidade.     “A xestión con lume controlado e restablecer queimas de carácter cultural nun contexto moderno mellorarían a biodiversidade e o benestar humano”, apuntan. A  reintrodución de grandes  herbívoros que reducirían a carga de combustible da paisaxe ou a aplicación de cortalumes verdes a base de especies de baixa  inflamabilidade son outras das accións propostas.

Nova gobernanza

Os cambios globais nos réximes de incendios continuarán  amplificando as interaccións entre os principais factores  socioecolóxicos que os determinan e crearán conflitos difíciles de xestionar entre os obxectivos ambientais e sociais, apuntan os autores do artigo. “As achegas científicas serán cruciais para tomar decisións adecuadas que permitan un cumprimento dos obxectivos mundiais de biodiversidade, salvagarden os servizos  ecosistémicos e protexan ás persoas e os seus bens”, sinalan, alén de subliñar a necesidade dunha nova  gobernanza para facer fronte aos desafíos futuros. “A escala mundial e nacional, necesítanse institucións máis eficaces para promover a conservación da biodiversidade e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”, matiza Adrián Regos, quen engade que, a escala local, conseguir o tipo "correcto" de lume nas paisaxes que o necesitan require novas alianzas e redes para construír e aplicar o coñecemento. Tal e como se pon de manifesto no artigo, a recompilación estratéxica de datos sobre incendios, biodiversidade, servizos dos ecosistemas e variables  socioecolóxicas será esencial para desenvolver novos modelos que capturen as reaccións, os puntos de inflexión e os cambios de réxime característicos do  Antropoceno. Recoñecer o papel fundamental das comunidades locais para comprender e adaptarse aos cambios nos réximes de incendios é fundamental para estes esforzos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2020.