Pasar al contenido principal

Unha viaxe virtual pola ciencia máis singular

Toda a programación da xornada poderá seguirse a través da web do evento. FOTO: Santi Alvite
Toda a programación da xornada poderá seguirse a través da web do evento. FOTO: Santi Alvite
A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC celebra este sábado 28 a cuarta edición de ‘Ciencia Singular’, a xornada de divulgación científica que permitirá percorrer en liña as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE e coñecer de primeira man a actividade do seu persoal investigador
Santiago de Compostela

Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido que este sábado 28 poderá realizarse en liña polo ecosistema científico que conforma a Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC. A xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’ amosará na súa cuarta edición o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. O evento que por primeira vez se celebrará de xeito virtual por mor da COVID-19 serve para evidenciar “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”, apuntan dende a organización. Toda a programación da xornada poderá seguirse a través da web do evento.

Química Biolóxica e Materiais Moleculares

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Diego Peña Gil, realizará unha breve introdución ao mundo molecular, da síntese química á manipulación atómica. Como fabricar nanoferramentas e os seus usos será o eixo da charla virtual que impartirá a investigadora Beatriz Pelaz. A loita contra o SARS-CoV-2 tamén estará presente na programación ofertada por este centro singular da USC a través dos relatorios en liña que ofrecerán Rebeca García Fandiño e José Manuel Martínez Costas, abordando este último o seu traballo na elaboración dunha vacina contra a COVID-19. Asemade, a xornada permitirá “infiltrarse” nos laboratorios do CiQUS e acceder a múltiples experimentos como ‘Un volcán na cociña’ ou ‘Arco da vella química’, entre outros.

Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

A subdirectora científica do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Mabel Loza, será a encargada de dar a benvida en liña  aos participantes que opten por visitar de xeito virtual este centro. As charlas divulgativas da propia Loza, Ángel Carracedo e María José Alonso, todas elas centradas na loita contra a COVID-19, nutrirán, xunto aos relatorios de José Luis Labandeira sobre o Parkinson e Miguel López, sobre a obesidade, unha xornada na que tamén se poderá realizar unha vista virtual polos diferentes laboratorios. Asemade, os e as participantes tomarán parte en obradoiros virtuais sobre distintas temáticas, como por exemplo, que é e para que serve unha PCR.

Tecnoloxías Intelixentes

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) propón para esta primeira edición virtual de ‘Ciencia Singular’, un innovador formato de visita ao centro a través dun evento en directo en Youtube conducido polo recoñecido divulgador de ciencia Javier Santaolalla, descrito por algúns medios como "o maior divulgador científico español na rede”. Membro do programa ‘Órbita Laika’ de TVE e do grupo Big Van Ciencia dende 2013, Javier é tamén creador das canles de ciencia en Youtube ‘Date un Vlog’, ‘Dáte un voltio’, e ‘Date un mi’. O sábado 28 participará xunto aos investigadores do CiTIUS na xornada ‘Ciencia Singular’ para falar de Intelixencia Artificial centrada nas persoas, Tecnoloxías Intelixentes perante a COVID, e moitos outros contidos de grande interese. 

Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) tomará parte en ‘Ciencia Singular’ a través de diversos relatorios en liña a cargo do seu persoal investigador. Alejandro Vilar abordará ‘A gravidade (cuántica) nun holograma’, mentres que Cristina Cabo pronunciará a charla ‘Do corazón da materia ao interior das estrelas’. Como oír buracos negros grazas ás ondas gravitacionais será o eixo da intervención de Juan Calderón, mentres que Alessandra Gioventù descubriranos o universo das partículas. A xornada concluirá cun trivial en liña baixo a premisa ‘Canto sabes do IGFAE?’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2020.