Pasar al contenido principal

Sebastián Villasante participa no primeiro estudo da resiliencia nos sistemas socio-ecolóxicos dende a ciencia económica

Sebastián Villasante. Imaxe de arquivo
Sebastián Villasante. Imaxe de arquivo
No artigo publicado pola revista Nature Sustainability participaron ademais do profesor da USC, outros 22 economistas de diferentes institucións internacionais
Lugo, Santiago de Compostela

O profesor da USC Sebastián Villasante acaba de publicar xunto a un equipo de 22 economistas de diferentes institucións unha investigación sobre o concepto de resiliencia no eido dos sistemas socio-ecolóxicos. O artigo ‘Realizing resilience for decision-making’ publicouse na prestixiosa revista Nature Sustainability e representa a primeira contribución ao estudo da resiliencia desde a ciencia económica.

Segundo o profesor Sebastian Villasante do Departamento de Economía Aplicada da USC, “existe unha falta de consenso acerca do concepto e operacionalización do concepto de resiliencia no estudio de sistemas socio-ecolóxicos”. O artigo contribúe ao debate científico actual e define a resiliencia dos sistemas socio-ecolóxicos incluíndo tres características: resistencia, recuperación e robustez. Esta nova definición teórica contribúe á operacionalización do concepto aos sistemas de xestión de recursos hídricos, pesqueiros e de axuda aos territorios que experimentan a emerxencia de xestión derivada de incendios forestais.

Os autores tamén deseñan un novo modelo heurístico que permite avaliar a capacidade adaptativa dos sistemas socio-ecolóxicos complexos fronte a eventos abruptos e extremos, a súa capacidade de experimentar cambios transformadores nas estruturas dos sistemas. Este modelo inclúe a delimitación do sistema a avaliar e a identificación dos factores forzantes de cambio, a determinación de métricas cuantitativas e cualitativas, a consulta con stakeholders clave, a cuantificación da resistencia, recuperación e robustez (as tres Rs), e a definición de accións de xestión.

The Australian National University e CSIRO Oceans and Atmosphere de Australia, Business School da Sichuan University en China, Centre national de la recherche scientifique de Francia, Norwegian School of Economics, Oxford University de Reino Unido, International Food Policy Research Institute e a National Marine Fisheries Service son algunhas das institucións de procedencia dos autores do artigo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2019.