Pasar al contenido principal

AgroMar cataliza o novo talento investigador do Campus de Lugo

AgroMar constitúe así un marco acaído para a reflexión no eido agroalimentario. FOTO: Santi Alvite
AgroMar constitúe así un marco acaído para a reflexión no eido agroalimentario. FOTO: Santi Alvite
As liñas de I+d nas que traballa este colectivo de estudantes predoutorais xiran arredor da produción agroforestal, saúde, sanidade e benestar animal, sustentabilidade e conservación da biodiversidade
Lugo

A asociación AgroMar, unha agrupación multidisciplinar de investigadoras e investigadores en formación do Campus Terra da USC, cataliza e favorece sinerxías para que os estudantes de doutoramento poidan desenvolver o seu talento, ao tempo que salienta a importancia da I+D nos eidos da produción agroforestal e da saúde e sanidade animal. Unidos polo interese compartido de achegar coñecemento e, na medida do posible, solucións aos problemas cotiás, os investigadores aliñados en Agromar “abogan pola saúde ‘One Health’, o benestar animal ou a produción sustentable”. A defensa dos intereses do colectivo investigador, que na actualidade se ve sensiblemente afectado pola falta de apoios e recursos, é outro dos cometidos prioritarios de AgroMar.

Apoiados nunha traxectoria que supera xa os seis anos, un período no que AgroMar tratou de potenciar o xermolo da I+D+i na sede universitaria luguesa a través de actividades de divulgación científica, congresos, cursos de formación transversal, charlas e sesións de orientación profesional; os proxectos e os primeiros resultados do labor realizado desde AgroMar repercuten tamén na mellora da biodiversidade.

AgroMar constitúe así un marco acaído para a reflexión, o debate e o intercambio de información e resultados de I+D, no que comparten intereses e preocupacións desde veterinarios como Mateo Vázquez, Pedro Castrillo, Paula Rodríguez, Irene Ortiz, Luz Lestón, María Vilá, David García, Ana Bugueiro, xunto coa enxeñeira de Montes Adriana Conde ou o graduado en Bioloxía Damián da Silva.

Liñas de investigación

O investigador do grupo Morfan da USC Mateo Vázquez Torres centra o seu labor no estudo e na descrición do sistema vomeronasal dos animais exóticos e nos segredos e particularidades que agochan as feromonas que interveñen nos procesos de comunicación química. Pedro Castrillo, do Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria, desenvolve as súas pescudas no marco dun proxecto de conservación dunha especie ameazada de mexillón de río, mediante o seu cultivo e a repoboación das poboacións máis afectadas. As larvas deste molusco precisan parasitar durante meses nas branquias de peixes salmónidos e este estudo servirá para optimizar a fase crítica e cultivo, ademais de para preservar a biodiversidade fluvial e o benestar dos peixes a través do coñecemento das lesións causadas pola parasitose.

A mellora do benestar animal, neste caso do gando vacún, tamén é o propósito da tese de doutoramento que está a desenvolver Ana Bugueiro, quen analiza no seu estudo os protocolos de benestar animal nas gandarías, para logo validalos e comparalos con datos produtivos e de manexo.

A comunicación química en coellos centra a tese de doutoramento na que está traballar no grupo Acuigen  Paula Rodríguez Villamayor, que conxuga na súa investigación técnicas anatomo-funcionais, xenómicas e bioquímicas en aras a afondar no estudo das feromonas e no seu posible uso para a mellora da produción e do benestar desta especie. Unha liña de traballo próxima é a que ocupa á tamén titulada en Farmacia Irene Ortiz Leal, do grupo Morfan da USC, que analiza e compara o sistema vomeronasal dos cánidos salvaxes e domésticos, coa pretensión de, entre outros cometidos, coñecer os efectos do proceso de domesticación no comportamento destes animais.

A parasitoloxía e nomeadamente os artrópodos con vectores (mosquitos e carrachas) centra o labor de I+D da doutoranda do grupo COPAR GI -2021 María Vilá Pena, quen traballa en colaboración coa Xunta de Galicia e a UVigo na creación da rede de vixilancia galega Regavivec. Asemade, David García Dios, do grupo INVESAGA da USC, pescuda na súa tese sobre os paranfistómidos, uns parasitos dixestivos dos pre estómagos dos ruminantes tradicionalmente asociados a zonas tropicais e subtropicais cuxa importancia en Europa está a aumentar nas últimas décadas.

A mellora da seguridade alimentaria é o obxectivo do proxecto de I+D que ocupa a Luz Lestón, membro do Laboratorio de Referencia en E. coli. Esta investigadora, que vixía a presenza de bacterias multirresistentes e potencialmente patóxenas en carnes de produción intensiva, procura novas estratexias para loitar contra a ameaza da resistencia aos antibióticos.

Xa no plano da enxeñería, Adriana Conde, do grupo BioModem, trata de innovar no sector toneleiro coa parametrización e modelización de barricas cun deseño óptimo, ao tempo que estuda a idoneidade do uso de madeiras de frondosas de procedencia galega para este tipo de industria. Outra das liñas de investigación activas no Campus de Lugo da USC é a que mantén o biólogo Damián da Silva, investigador do grupo de Medicina Xenómica, que está a estudar o efecto da avespa velutina sobre a saúde das poboacións autóctonas doutros himenópteros como as abellas do mel.

 

Investigadores predoutorais do Campus de Lugo agrupados en AgroMar
Investigadores predoutorais do Campus de Lugo agrupados en AgroMar (imaxe de arquivo)
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.01.2021.