Pasar al contenido principal

BioNanoTools traballa na detección de células que xeran resistencia contra o cancro

Grupo BioNanoTools
O equipo do CiQUS traballará no desenvolvemento de axentes de contraste que sexan capaces de identificar células persistentes. Foto: CiQUS
O grupo de investigación da USC no CiQUS prepara, no marco dun consorcio internacional, axentes de contraste que sexan capaces de identificar células persistentes
Santiago de Compostela

Nove socios de seis países europeos, entre os que se atopa o grupo BioNanoTools do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), unirán esforzos para desenvolver novas vías de traballo fronte o cancro. Baixo a denominación REAP, este proxecto pretende desenvolver un sistema de imaxe multimodal para detectar células que xeran resistencia ao tratamento contra o cancro. O equipo investigador liderado por Beatriz  Pelaz, responsable do proxecto na USC e investigadora principal no CiQUS, encargarase da preparación de axentes de contraste que sexan capaces de identificar estas células persistentes.
 
Cando un tumor se volve resistente, o tratamento contra o cancro pode deixar de funcionar. A miúdo, a orixe desta recaída atópase en determinadas células, capaces de desenvolver resistencia aos fármacos empregados para sobrevivir ao tratamento. Localizar e identificar ditas células cando aínda non xeraron o tumor representa un enorme reto ao que a ciencia pretende facer fronte a  través de investigacións como a que acaba de poñerse en marcha esta semana a través do proxecto  REAP.

Os diferentes equipos traballarán no desenvolvemento dun dispositivo que combinará técnicas avanzadas de optoacústica, coherencia óptica e microscopía de dous fotóns. Ao mesmo tempo, deseñaranse sofisticadas nanopartículas coas propiedades idóneas para poder ser detectadas mediante o novo sistema multimodal xerado. Unha vez sintetizadas ditas partículas serán transformadas en axentes de contraste capaces de recoñecer selectivamente as células persistentes en modelos  preclínicos.  

“O noso traballo é asegurar que estas  nanopartículas sexan adecuadas para detectar as células persistentes funcionando como axentes de contraste eficientes” explica Beatriz  Pelaz. “Modificaremos a súa superficie para asegurarnos que son compatibles a nivel celular, darémoslles a estabilidade  coloidal necesaria para que realicen a súa función e tamén capacidade de recoñecemento para detectar estas células”, engade. O seu grupo, que tamén realizará estudos de  nanotoxicoloxía para comprobar a  biocompatibilidade destes materiais, conta con ampla experiencia na síntese e caracterización de  nanomateriais, modificando a súa superficie para facelos bioloxicamente activos.

Academia e industria

O proxecto ERAP enmárcase no programa de traballo ‘Information and Communication Technologies’ de Horizonte 2020 para o desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas na área da fotónica. Coordinado pola Universidade Médica de Viena, academia e industria danse a man no proxecto  REAP para lograr avances significativos no campo da enxeñería biomédica e a tecnoloxía láser, con obxectivo de revelar os mecanismos subxacentes á resistencia desenvolvida por estas células fronte aos tratamentos antitumorais. Aproveitando a experiencia nas súas respectivas áreas, o consorcio está formado por catro universidades, catro empresas e un centro tecnolóxico que traballarán de maneira conxunta durante os próximos catro anos no desenvolvemento dos novos sistemas de  bioimaxe e axentes de contraste.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2021.