Pasar al contenido principal

Dezaseis candidaturas optan ao XXI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Cartaz do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
Cartaz do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O xurado encargado do galardón promovido polo grupo empresarial Aresa xunto coa USC avanzará o xoves 21 a terna de finalistas dun premio dotado con 10.000 euros
Lugo

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado pola USC xunto co grupo empresarial Aresa e dotado cun premio en metálico de 10.000 euros, rexistrou a presentación dun total de 16 candidaturas na súa  vixésima primeira edición, correspondente ao ano 2020.

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC, unha proposta presentada polos catedráticos da USC Ángeles Romero e Santiago Pereira; o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; a granxa Aireoá, dedicada á produción con Galiña de Mos; o proxecto de recuperación de soutos tradicionais e impulso de novas plantacións de castiñeiro de froito ‘O Mundo do Souto’; H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo, un proxecto presentado por José Manuel Vale e orientado a mellorar a produción agrícola na montaña; Muuhlloa, cosmética 100 % galega realizada con produtos ecolóxicos e que xorde da sinerxía doutras dúas iniciativas como son Granxa Maruxa e Milhulloa, son algunhas das propostas presentadas nesta edición do Premio Aresa.

Arnigal Cultivos, un proxecto sobre o  aproveitamento económico racional da Arnica montana en Galicia a partir do seu cultivo e transformación; As vacas da Ulloa SCG, cooperativa de gandería ecolóxica; Trigo e Limpo, produción de fariña de trigo autóctono, moída á pedra e envasada de forma artesanal; Gandería Quintián; Cooperativa A Carqueixa; Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Verín Biocoop SCG (Ourense); o centro de lecer Corazón de Carballo;  Conservas do Tamega e a estratexia de loita ecolóxica deseñada polo profesor Pablo Sánchez Quinteiro para facer fronte á rata topo, completan o abano de candidaturas presentadas ao XXI Premio Aresa.

Unha vez rexistradas todas as propostas, o xurado encargado de fallar este galardón reunirase este xoves 21 de xaneiro para determinar as tres candidaturas finalistas que optan a ser distinguidas con este recoñecido galardón. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o XXI Premio Aresa premia iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro.

A situación excepcional provocada pola pandemia derivada da COVID-19 propiciou que, a diferencia de anteriores edicións, as bases do certame establecen que o xurado valorará as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2021.